Superar a crise do coronavirus con dereitos para a clase traballadora

Nacional -

Os datos de desemprego dos últimos meses evidencian a grave situación laboral e de crise industrial que atravesa Galiza e confirman o fracaso e a ineficacia das inxustas políticas económicas e laborais que aplica o Goberno español, que se fundamentan na reforma laboral imposta polo PP, mais tamén na actualización desta, conforme aos acordos sociais pactados por CCOO, UGT e a patronal, con motivo da emerxencia sanitaria da covid.

A prórroga dos ERTE nas condicións actuais, sen ter derrogado esa reforma, é unha tortura para a clase traballadora. Permite que as empresas apliquen regulacións de emprego sen control, modificacións substanciais das condicións de traballo, descolgues de convenio ou que non complementen as prestacións por desemprego. 

A prórroga dos ERTE nas condicións actuais é unha tortura para a clase traballadora

Seguir ameazando o futuro das pensións, camiñar cara á imposición do teletraballo sen dereitos ou negarse a recoñecer os dereitos de conciliación, na liña da proposta que a CIG ten defendido, aboca á indefensión á clase traballadora, máis diante dos novos surtos da covid-19.

Urxe pois a derrogación das reformas laboral e das pensións porque, coas medidas que exixirá a UE para acceder ao fondo de reconstrución, afondarase aínda máis na precariedade e na pobreza laboral.

As empresas deben ter a obriga de completar até o 100% os salarios e de establecer un calendario de reincorporación das traballadoras e traballadores eventuais despedidos desde o 14 de marzo. Cómpre pór o “contador a 0” para todas as persoas no desemprego desde o mes de xaneiro 2020. Isto xunto coa derrogación da reforma das prestacións por desemprego do PP pola que, a partir do sexto mes, quen estea en ERTE ou no desemprego ve reducida a súa prestación ao 50%.

Por unha transición enerxética xusta e galega

A crise derivada da covid vén sumarse á crise industrial que asola Galiza. A chamada descarbonización da economía no noso país está sendo, en realidade, un proceso de desmantelamento. O peche das centrais térmicas galegas é o comezo, pero á vista están as ameazas noutros moitos sectores industriais: electrointensivas, automoción, hidrocarburos, biocombustíbeis e mesmo o sector primario.

Para afrontar o cambio climático e camiñar cara a unha auténtica transición enerxética en Galiza, xusta e democrática, no social e no territorial, temos que decidir sobre os nosos recursos e ten que se recoñecer a enerxía como un ben básico ao servizo do pobo.

Porén, quer pola súa inacción, quer pola súa sistemática transferencia de responsabilidades ao Goberno do Estado, o Goberno de Feixoo actúa como se non tivese nada que ver co que está a suceder. Isto non se resolve con declaracións nin chamamentos a un diálogo social que lexitima as políticas neoliberais e que se confunde con ter vontade de diálogo para dar unha alternativa á situación actual.

A mobilización é necesaria para exixir políticas decididas que permitan reverter a situación e combater o desemprego, a pobreza, a exclusión social e o desmantelamento industrial.

Volver