Suprimen a enfermeira que ofrecía educación sanitaria sobre coidados dos estomas no Hospital da Mariña

CIG-Saúde esixen a creación dunha consulta dedica en exclusiva a atención destes pacientes

Burela -

A CIG-Saúde vén de denunciar un novo recorte no Hospital da Mariña: a supresión da DUE de ostomías, “unha figura que era claramente insuficiente, xa  que estaba desbordada ao dedicarse a outras tarefas compartidas”, explican. Dende a central sindical destácase que a consulta de enfermería para pacientes con ostomías "é fundamental", xa que nela reciben atención integral e especializada co obxectivo de proporcionar unha educación sanitaria adecuada sobre coidados do  estoma e dispositivos colectores mellorando a calidade de vida do/a paciente.

Ademais, subliñan, ofrece soporte emocional á persoa  ostomizada e familia desde o  preoperatorio ata a súa completa rehabilitación así como información e formación individualizada para conseguir unha adaptación saudábel e autonomía nos coidados. “Actualmente os pacientes ostomizados/as reciben Información e educación só durante o ingreso na planta, e non contan con seguimento nin persoa de referencia en caso de aparecer dúbidas ou complicacións (non infrecuentes)”, sinalan.

Derivacións ao HULA

A central nacionalista denuncia que están a ser derivadas á consulta específica de ostomías do HULA que conta con dúas enfermeiras con xornada exclusiva desta consulta. “Unha vez máis as políticas de recortes de Feijóo e o Partido Popular castigan aos mariñaos e ás mariñás que se ven obrigados a desprazarse a máis de 100 km para recibir atención sanitaria”, denuncian.

Dende CIG Saúde A Mariña esixen que se cree unha consulta de enfermaría dedicada  exclusivamente á atención de pacientes ostomizados. "Hai que ter en conta que unha  ostomía require un coidado especial que en principio realízase polos profesionais sanitarios, pero logo formará parte do  autocuidado do/a paciente e da súa familia. Por esta razón  paralelamente ao proceso de atención sanitaria hai un proceso de educación para a saúde, no que a/o paciente recibe unha formación individualizada e axustada ás súas necesidades".

Volver