Suspéndese a folga de ambulancias tras o compromiso de Sanidade de manter todos os postos

A CIG reuniuse co xerente da Consellaría quen asegurou que non se van separar parte dos servizos
Nacional - 03 Xul 2020

A CIG tiña convocada hoxe unha rolda de prensa para facer pública a convocatoria de folga e a manifestación nacional que se ía celebrar o día 8 en Santiago de Compostela. A folga, que inicialmente foi convocada en solitario pola CIG, e á que convidou ao resto de centrais sindicais, tamén se sumou a UGT. Non obstante, nunha reunión celebrada no día de onte con Antonio Fernández-Campa, xerente do SERGAS, alcanzouse un acordo que garante o mantemento dos postos de traballo. Este acordo foi refrendado en asembleas de traballadores e traballadoras polo que se acordou a desncovatoria da folga prevista.

A CIG demandou axilidade na licitación, incrementar o financiamento e mecanismos para a retirada da concesión en determinados supostos de incumprimento

Cando saltou este conflito polas sucesivas declaracións de alcaldes, asociacións, colectivos de taxis e mesmo dalgunha EOXI, a CIG solicitou unha reunión urxente coa Consellería de Sanidade para aclarar de imediato a situación. Ante a negativa a esta reunión organizáronse asembleas nas que se decidiron medidas como mobilizacións nas diferentes áreas sanitarias e a convocatoria dunha folga para os días 8 e 9 de xullo, "xa que non íamos estar quietos/as ás portas dunhas eleccións cando se estaban ofrecendo os nosos empregos, insultando ademais aos traballadores e traballadoras do sector".

Na reunión cos representantes da CIG, o portavoz da Consellería de Sanidade comprometeuse a desmentir que se foran separar parte dos servizos prestados nos contratos actuais, asegurando que se manterán os mesmos que na actualidade de cara á nova licitación. Ademais esa posición tamén se acordou que se fixera pública por ambas partes. 

Finalmente tamén se comprometen a recoller propostas para os pregos e a convocar as centrais sindicais a unha reunión para tratalas. Neste sentido, "por parte da CIG xa se lle adiantou que entendíamos que este concurso tiña que licitarse o antes posíbel así como aumentar o financiamento para recoller as condicións do convenio, maior dotación de persoal para atender as padiolas, mecanismos para retirar á concesión en determinados supostos de incumprimento empresarial, etc.". Sobre todo isto a CIG entregará unha proposta escrita nos próximos días.

Capacidade de resposta e mobilización do sector

Nas asembleas celebradas no día de onte o acordo ratificouse unanimemente e polo tanto hoxe deuse a coñecer a suspensión da folga convocada pola CIG e a UGT felicítando os traballadores e traballadoras do sector pola capacidade de reacción e de mobilización que permitiu unha marcha atrás nas pretensións de recortar servizos e empeorar a calidade asistencial. Neste sentido destacan o apoio dos e das doentes afectadas que se manifestaron e recolleron sinaturas en contra dos recortes.

Dende a FGAMT-CIG deixan claro ademais que non se vai permitir ningún recorte que resulte na retirada de servizos e moito menos de postos de traballo, polo que de incumprir os compromisos públicos acadados coa Consellería "farémonos respeitar onde faga falla, nas mesas de diálogo ou na rúa polo que permaneceremos atentos e atentas a que se cumpra o falado".