Suspéndese a folga de transporte de viaxeiros/as tras acadarse un preacordo na xuntanza da Mesa Galega

Conséguense incrementos salariais co IPC de 2021 e 2022, que o marco negociador sexa galego e coa plataforma sindical
Nacional - 26 Abr 2023

Sindicatos e patronal reuníanse as dez da mañá de hoxe na Mesa Galega do sector do Transporte, que tivo lugar no Consello Galego de Relacións Laborais. Unha xuntanza que rematou transcorridas máis de oito horas cun preacordo polo que se suspende a convocatoria de folga para os días 27 e 28 de abril, pero mantendo a convocatoria de folga indefinida a partir do día 8 de maio, porque “queda aínda unha parte importante por negociar”.

Xesús Pastoriza, responsábel do sector de Transporte da CIG e representante da central sindical na Mesa Galega, explica que se acordou a suspensión das dúas xornadas de folga ao aceptar a patronal pagar os IPC do 6,5% en 2021 e do 5,7% en 2022. Isto está condicionado a que se acade un acordo final porque, segundo matiza, “hai cuestións pendentes”.

O representante da CIG valora positivamente este avance porque implica que “o poder adquisitivo destes anos se recupera”. Porén subliña que queda pendente o referido a Lugo, porque as traballadoras e traballadores desta provincia “estiveron sen convenio nos anos 2017, 2018, 2019 e 2020, polo que queda aínda a negociación de todos estes anos”. En todo caso afirma que “polo menos o 21 e 22 xa os temos acordados”.

Marco galego

Tamén teñen acordada a apertura dun acordo marco galego do convenio onde “só imos presentar os puntos que levabamos nós na nosa plataforma”. Ao que no preacordo engadiron a matización de “sen menoscabo de que se puideran abrir outros puntos de negociación se ambas as partes, de mutuo acordo, así o deciden”.

O representante da CIG conclúe avaliando moi positivamente que se teña conseguido que, en principio, “o marco negociador vai ser galego e coa plataforma sindical”.