Suspéndese a folga indefinida no elevador panorámico da Coruña até o día 17 de agosto

Talent Orbis comprométese a presentar unha solución o luns 16 de agosto
A Coruña - 09 Ago 2021

O pasado venres chegábase ao acordo de suspender a folga indefinida convocada pola CIG no servizo do elevador panorámico do Monte de San Pedro, na Coruña, até o vindeiro día 17 de agosto logo de que a empresa que xestiona o servizo, TalentOrbis, retirara as sancións e se comprometera a presentar unha solución subsanando así os problemas denunciados polos traballadores. De non cumprir co seu compromiso, a CIG anuncia que se reanudaría a convocatoria.

A CIG lembra que a folga en Talent Orbis Maquinaria e Industria foi convocada pola actitude represiva contra os tres traballadores encargados do mantemento e contra as sancións impostas despois de denunciar na Inspección de Traballo e no concello da Coruña a falta de medidas de seguridade e os riscos aos que están sometidos.

Por iso, o responsable de Saúde Laboral da CIG-Coruña, Ernesto López Rei, considera un avance que a empresa retirara as sancións e se comprometera a presentar unha proposta para solucionar os problemas de seguridade, o día 16 de agosto, evitando así os riscos aos que está sometido o persoal.

Deste xeito, TalentOrbis asinou o compromiso de presentar un Plan de Evacuación e outro de Emerxencia e unha proposta sobre condicións climatolóxicas. Trasladará a necesidade de concretar data e alcance da reforma da caseta-almacén e entregará ademais, na data prevista, un protocolo de funcionamento. Presentará ademais unha proposta sobre a apertura de chapa poleas e comprométese a que non se realice  a tarefa de axardinamento até que estean instaladas as ancoraxes, entre outras cuestións.

A CIG agarda que a situación se resolva definitivamente o día 16 de agosto tal e como foi acordado e que se poida continuar co traballo contando coas medidas de seguridade e saúde laboral necesarias a partir desa data.