Suspendida a folga de socorristas da Coruña tras solicitarse a mediación da autoridade laboral
O persoal de salvamento das praias da Coruña vén de acordar a suspensión da convocatoria de folga indefinida que se iniciaría a partir deste martes, día 18 de agosto, tras conseguirse algúns avances coa empresa concesionaria Move Servicios de Ocio y Deporte e coa solicitude de mediación da autoridade laboral. A CIG-Servizos da Coruña avalía con satisfacción que se inicien as negociacións, o que non se tería conseguido “sen a loita das traballadoras e traballadores na defensa dos seus dereitos”.
Polo momento xa se acordou coa empresa “anular as sancións inxustamente impostas, a reposición adecuada dos EPI, a concesión de medidas sociais e solicitude de mediación a autoridade laboral para mediar sobre o correcto abono das horas extras”.
Por iso decidiron, “á espera dunha pronta reunión para que se dea esa mediación e dunha adecuada resolución”, deixar en suspenso a folga indefinida.