Suspendida a folga do persoal técnico de incendios tras constituírse a comisión negociadora

As centrais agardan contar cun novo acordo de condicións laborais antes do 31 de decembro
Nacional - 29 Set 2020

O persoal técnico do Servizo de Prevención de Incendios Forestais (SPIF) acordou a suspender a folga indefinida iniciada o pasado 1 de agosto unha vez se constituíu a comisión negociadora coa Consellaría de Medio Rural. As centrais CIG, CCOO, CSIF e UGT agardan contar cun novo acordo de condicións de traballo antes do vindeiro 31 de decembro.

Logo das tres xuntanzas mantidas cos representantes do departamento autonómico nas que se concretaron varios dos compromisos acordados na asemblea de traballadores/as celebrada o pasado martes 22 de setembro, os catro sindicatos e o comité de folga optaron pola suspensión do paro. Agora a prioridade é retomar a mesa de negociación co fin de acadar un novo acordo de condicións laborais para este persoal empregado público. 

Medio Rural comprometeuse a non seguir aplicándolle descontos ao persoal que non secundou a folga

Hoxe mesmo quedou formalmente constituída a comisión negociadora, na que a parte social achegou unha proposta de melloras, tal e como figuraba no cronograma pactado.

“A negociación vaise realizar por bloques, e cóntase con rematar cun novo acordo de condicións de traballo antes do vindeiro 31 de decembro, no que ademais das melloras das condicións de traballo tamén se abordarán o plan formativo, a segunda actividade ou a inclusión do colectivo nun acordo estatal de coeficientes redutores para a xubilación anticipada”.

Primeiro bloque de negociación

A respecto do primeiro bloque das negociacións, as organizacións sindicais fixeron entrega dun documento que recolle de xeito resumido cuestións como redución horaria, xornada máxima anual de traballo, réxime de prestación de servizo en período extraordinario (gardas) e ordinario, período mínimo de vacacións e garantía para o goce dos permisos e licenzas recollidos na LEPG.

Pola súa banda, a Consellería do Medio Rural comprometeuse a non seguir aplicando descontos ao persoal que non secundou a folga até que se faga unha revisión dos descontos aplicados. A xuntanza de hoxe rematou coa sinatura da acta, que recolle a constitución da mesa negociadora, a suspensión da folga e a negociación das condicións de traballo (primeiro bloque). Tamén se incluíu a convocatoria da seguinte xuntanza da comisión negociadora, prevista para o xoves 1 de outubro.