Suspendida a folga na recollida do lixo da Estrada mentres se negocian melloras laborais
O cadro de persoal de Geseco, concesionaria do servizo de recollida de lixo e limpeza viaria do Concello da Estrada, decidiu en asemblea suspender as tres xornadas de folga previstas para este luns día 16, para mañá e para pasado mentres negocia melloras laborais coa empresa. A parte social rexeitou o venres na mediación do AGA solicitada pola compañía a primeira proposta empresarial e decidiu que convocará novas mobilizacións diante do consistorio as vindeiras semanas.
O rexeitamento á oferta da empresa ten que ver co feito de que as melloras salariais se vinculan á nova licitación do servizo, “e o persoal leva agardando a que se saque a concurso o servizo dende que foi privatizado hai sete anos e xa está canso de promesas por parte do Goberno local do PP”, explican dende a CiG-Servizos de Pontevedra.
As arredor de 20 persoas traballadoras de Geseco están reguladas polo convenio estatal, que contempla unhas condicións laborais “moi precarias” e que reserva a negociación de moitas materias aos convenios de empresa. “Por iso cando o ano pasado logramos o delegado de persoal comezamos a traballar na apertura dunha mesa de negociación para pactar un convenio propio”.
Dende entón producíronse varias xuntanzas, pero ante a negativa da empresa a contemplar unha serie de melloras, entre elas unha suba salarial xusta, o persoal apostou por iniciar mobilizacións, que comezaron o pasado xoves cunha concentración ás portas do Concello ao berro de “Convenio digno, convenio xa”, Geseco culpable, Concello responsable” e “Concello, escoita, o lixo está en loita”.
Ese mesmo día anunciou a convocatoria de tres xornadas de folga que finalmente decidiu suspender tras a negociación no AGA. Con todo, tras a xuntanza a asemblea rexeitou a proposta achegada pola dirección e decidiu promover protestas diante do consistorio nas próximas semanadas para reclamar unhas condicións laborais dignas.