• Nova

Suspendida a protesta de Ilunion en Vigo pola falta de actividade en Stellantis

A concentración estaba prevista para este martes 22 ás 13:15 horas
Vigo - 21 Mar 2022

O persoal de Ilunion Servicios Industriales Galicia, centro especial de emprego do grupo ONCE, decidiu suspender a mobilización diante de Stellantis en Vigo para reclamar un convenio de empresa xusto cuns salarios dignos. A concentración, coa que se lle pretendía dar continuidade á intensa campaña de protestas iniciada o ano pasado para denunciar a precariedade que padecen os traballadores/as nas compañías nas que desenvolven o seu labor, estaba prevista para este martes 22 de marzo ás 13:15 horas. Pero finalmente foi adiada porque a compañía da automoción decidiu prolongar a parada da actividade pola falta de subministros.

Dende a federación de Industria da CIG de Vigo denuncian que os 620 empregados/as de Ilunion prestan servizo en empresas do sector do automóbil como a propia Stellantis, Lear, Benteler ou Denso, nas que padecen unhas elevadas condicións de precariedade -ingresan o salario mínimo interprofesional- e soportan uns altos ritmos de traballo. Ademais de non recibir a formación obrigatoria establecida por lei, algo especialmente grave tendo en conta que se trata de persoas con capacidades especiais, tanto físicas como psíquicas. 

Os arredor de 620 empregados/as de Ilunion padecen condicións laborais de precariedade e soportan altos ritmos de traballo

A estes/as traballadores/as aplícaselles o convenio estatal de Centros Especiais de Emprego, por iso a CIG demanda ou que se lles aplique o do sector no que prestan servizo ou que se negocie un convenio propio para o centro de traballo de Vigo, xa que a central sindical -que preside o comité de empresa- ten en marcha unha campaña para mellorar as súas condicións laborais.

No marco desta iniciativa desenvolvéronse xa numerosas mobilizacións, tanto diante da sede do grupo ONCE como das distintas empresas da automoción nas que o persoal de Ilunion presta servizo. Nesta ocasión volverán á rúa baixo a premisa de “a igual traballo, igual salario” para denunciar a explotación que padecen coa escusa da súa integración laboral.

Lucro inmoral

Porque CIG consideran que os centros especiais de emprego fan parte das novas ferramentas que o capital emprega para precarizar as condicións laborais e de vida de milleiros/as de traballadores/as “e para incrementar beneficios mediante o abuso e a escravitude laboral”.

Lembran que máis de dúas terceiras partes dos contratos que se realizan a persoas con capacidades especiais son a través de centros especiais de emprego, e maioritariamente están asociados a tarefas pouco cualificadas. En consecuencia, estes centros deixan de ser unha porta de acceso ao mundo laboral “para converterse en precariedade subvencionada”.

Estas empresas son favorecidas por convenios que remuneran por debaixo do que o fai o convenio de sector da empresa cliente, e acaban actuando como empresas multiservizos. “Ofrecen man de obra barata, o que lles permite obter un lucro inmoral, vulnerando o principio de igualdade entre as persoas traballadoras e desvirtuando o papel destes centros como facilitadores da integración laboral”.