O cadro de persoal de Valoriza, que se encarga da recollida do lixo para a Mancomunidade do Salnés (Concellos de Cambados, Vilanova de Arousa e Meis), decidiu onte en asemblea suspender a mobilización prevista hoxe diante do Concello de Cambados ás 13:00 horas á espera de que a dirección lle dea resposta á contraproposta de convenio achegada pola parte social. O que si se manteñen son a concentración do vindeiro venres 17 ás portas do consistorio vilanovés ás 13:00 e a folga entre o 24 de xullo e o 9 de agosto, aínda que a expensas da aceptación da contraoferta por parte da compañía.
A asemblea de persoas traballadoras de Valoriza rexeitou a proposta de convenio presentada o luns pola empresa ao contemplar unha suba de soldos total do 17% nos cinco anos de duración do acordo, o que permitiría compensar escasamente a perda dun 15% de poder adquisitivo acumulado nos últimos 12 anos, dende que o servizo está mancomunado. “Os IPC actuais xa se atopan nestes valores, polo que non se garanten melloras salariais”, sinalan dende a representación sindical, da CIG. Ao mesmo tempo, lembran que estes contratos de servizos da Administración pública carecen de revisión de salarios a IPC, “polo que non garanten incrementos que non sexan absorbidos polo aumento dos custes da vida”.
O persoal da empresa anunciara o pasado 6 de xullo o inicio dun calendario de protestas para reclamar un convenio colectivo digno e que as melloras que se pacten sexan incorporadas aos pregos de condicións do concurso de adxudicación do servizo, desenvolvendo unha primeira concentración diante do Concello de Meis o 13 de xullo.