Aprazadas as negociacións de Albo para estudar posíbeis proxectos de continuidade con outras empresas

As reunións retomaranse o día 27 de xullo e a CIG insta a Xunta a traballar na busca de solucións
Viveiro - 12 Xul 2022

Na reunión que tivo lugar onte luns, a dirección de Albo informou que mantivera contacto con empresas que poderían estar interesadas en continuar coa actividade produtiva na planta de Celeiro. A falta de concretar esas propostas, as partes acordaron suspender o período de negociacións do expediente de mobilidade xeográfica até o vindeiro 27 de xullo, co obxectivo de realizar neste período as xestións oportunas que permitan manter os empregos e a actividade.

Fíxase así este prazo de dúas semanas á espera de ver como evolucionan as conversas con esa posíbel empresa ou empresas interesadas, cales son as súas condicións e que proxectos poden traer para as instalacións de Celeiro.

As novas trasladadas pola empresa contrastan co silencio da Xunta de Galiza que, malia comprometerse a informar a máis tardar a finais da semana pasada sobre o interese real dalgunha empresa do sector por seguir coa produción  na factoría de Albo e que disposición teñen para dar ese paso, a día de hoxe segue sen dar ningunha resposta nin atender as chamadas da CIG.

Diante deste novo escenario, a CIG da Mariña insta a Xunta de Galiza a implicarse a fondo e a traballar arreo para que a continuidade produtiva e o mantemento de todos os postos de traballo na fábrica de Celeiro sexa unha realidade, e non un simple xesto de cara á galería tanto para a empresa como para a administración.

Así as cousas, e as traballadoras e os traballadores acordaron suspender a folga e a mobilización convocada para este mércores 13 de xullo, mais advirten que seguirán con atención todo o que pase neste días.