Talleres Mecánicos Galicia despide un traballador por pedir un trato respectuoso

A empresa recoñeceu a improcedencia da medida no acto de conciliación no SMAC
Ferrol - 24 Set 2019

A CIG-Industria de Ferrol quere denunciar publicamente o despedimento arbitrario dun traballador de Talleres Mecánicos Galicia, a quen lle foi rescindido o seu contrato por arreporse a actitude despótica do propietario, Roberto Derungs, e demandarlle un tratamento respectuoso. A empresa, unha das  máis coñecidas da comarca neste sector, alegou motivos disciplinarios para xustificar esta medida, circunstancia pola que o traballador acudiu a asesoría xurídica da CIG para presentar demanda por despedimento improcedente.

A ausencia de motivos obxectivos e o interese por evitar unha sentenza condenatorio eran tan evidente que Talleres Mecánicos Galicia recoñeceu a improcedencia do despedimento no propio acto de conciliación celebrado o 17 de setembro no SMAC de Ferrol,  abonándolle sen retrucar ao traballador os 39.000 euros da indemnización que legalmente lle corresponden.

Un feito insólito nunha empresa que, entre outras cuestións, mantén ao seu persoal rotando de xeito permanente entre as dúas sociedades constituídas (Talleres Mecánicos Galicia e Insder) para non ter que recoñecerlle a antigüidade e que trata ao seus traballadores de maneira absolutamente irrespectuosa.