Tegestacín comunica a súa intención de despedir a todo o persoal e pechar a factoría de Outeiro de Rei

A FGAMT-CIG demanda á empresa que clarifique os seus plans e á Xunta que traballe na busca de solucións

Outeiro de Rei -

Tegestacín, a sociedade que actualmente leva a antiga planta de Leche Pascual en Outeiro de Rei, comunicou este mércores ao comité que nun curto espazo de tempo planea extinguir a totalidade dos postos de traballo e proceder ao peche da factoría. Malia este anuncio, que foi trasladado ao conxunto dos traballadores e traballadoras na asemblea celebrada hoxe xoves, non existe notificación formal aínda da medida e tampouco se ten coñecemento exacto de cando pretende a empresa executar os despedimentos.

Durante a asemblea, explica Christian López, secretario da FGAMT-CIG de Lugo-A Mariña, o persoal amosou a súa preocupación polo futuro dos empregos e demandou coñecer cales son as causas reais que xustifican tal decisión e que plans ten a empresa.

O comité, engade López, irá analizando e actuando en consecuencia dos feitos que vaian acontecendo, no camiño de defender o mantemento dos postos de traballo nesta factoría. Pois están en risco máis de 70 empregos, cuxa destrución tería un importante impacto na economía de Outeiro de Rei e nos concellos da comarca.

A CIG considera moi preocupante esta decisión empresarial “que volve situar no peche esta fábrica”, despois de que Leche Pascual decidira hai anos abandonar a produción e tras o fracaso do proxecto Alimentos Lácteos. Por iso, o secretario comarcal da FGAMT-CIG insiste na necesidade de clarificar os motivos desta medida empresarial, e de buscar alternativas que engadan o valor engadido da actividade e permitan o mantemento de postos de traballo.

Por iso, lanza unha chamada de atención á Administración galega para que interveña e traballe xa na busca de solucións e proxectos que garantan a viabilidade da factoría.

Volver