Tegestacín anuncia un ERE de extinción para a factoría de Outeiro de Rei

A CIG rexeita a decisión empresarial e defenderá o mantemento dos postos de traballo
Outeiro de Rei - 26 Dec 2021

Tegestacín comunicou este 24 de decembro á representación dos traballadores e das traballadoras o inicio do período de consultas para a extinción da totalidade dos contratos na factoría de Outeiro de Rei.  A noticia supuxo o particular e ‘macabro’ agasallo de nadal da empresa ao seu persoal. “Por diante fican datas intensas nas cales haberá que avaliar o contido e as xustificacións realizadas pola empresa” e dar a resposta adecuada.

O comité e o persoal amosan a súa máxima preocupación diante desta situación pero tamén a incerteza polo futuro que a empresa terá pensado para estas instalación. O comité, diante dos últimos movementos acontecidos na planta, solicitou diversas reunións coa Xunta “na intención de que sexa parte interesada polo futuro das instalación desta industria e no mantemento dos postos de traballo.

“A CIG manifesta o total rexeitamento á actuación empresarial, quen vén orquestrando o seu particular desenlace nunha clara operación especulativa, sen solución de futuro para o persoal nin para as instalación”, denuncia o secretario da FGAMT-CIG de Lugo-A Mariña, Christian López. Neste senso, subliña que calquera alternativa de futuro para a fábrica de Outeiro de Rei ten que pasar por garantir a continuidade de todos os postos de traballo.