Teleperformance desconta até 200€ ao persoal que teletraballa por incidencias que son responsabilidade da empresa

O comité presentou conflito colectivo e denuncia na Inspección por estes abusos
A Coruña - 04 Mai 2020

O comité de Teleperformance A Coruña presentou hoxe conflito colectivo contra os abusos que a empresa está a cometer co persoal que teletraballa, a quen lle chega a descontar até 200 euros da nómina por incidencias informáticas que son responsabilidade da empresa, ao derivar  da falta de investimento na posta en marcha do traballo a distancia. Estas actuacións xa foron postas tamén en coñecemento da Inspección de Traballo.

"As traballadoras e traballadores de Teleperformance están pagando por traballar", denuncia o comité, quen acusa a empresa (do sector dos centros de chamadas) de aproveitar a crise sanitaria para implantar o teletraballo "de forma unilateral e abusiva".

A representación social critica que a compañía emprega unha medida preventiva prioritaria no actual contexto de emerxencia sanitaria da Covid19, como é o teletraballo, "como medida de coacción a cambio de manter a súa rendabilidade a toda costa". De feito, apuntan, a empresa "penaliza retirando do teletraballo se non se cumpren as súas esixencias en canto aos obxectivos" marcados.

Neste senso, dende o comité xa tiñan alertado das condicións precarias nas que Teleperformance implanta o teletraballo, pois obriga ao persoal a asumir todos os custes xerados polo traballo do domicilio (equipos, conexión a internet, luz, etc.) sen ofrecer ningunha contraprestación a cambio, aproveitándose así  da situación "para precarizarnos aínda máis".