Teleperformance despide a máis de 40 persoas tras unha semana traballando e cinco de formación non retribuída

A sección sindical da CIG mobilizouse contra a explotación

A Coruña -

Traballadores e traballadoras de Teleperformance realizaron este venres unha concentración diante das oficinas da empresa contra para rexeitar o despedimento de entre 40 e 50 compañeiras/os, a quen a dirección comunicou o seu cese menos de unha semana despois de seren contratadas/os e tras pasar un proceso de formación non retribuído de cinco 5 semanas. Para a sección sindical da CIG, que convocou a protesta, estamos ante un novo exemplo da precariedade e a explotación laboral no sector dos centros de chamadas.

Para a sección sindical da CIG, a empresa pretende camuflar un despedimento colectivo baixo a escusa de que estes traballadores e traballadoras non superaron o período de proba, evitando así ter que iniciar ningún proceso de negociación dos despedimentos e aforrando calquera tipo de indemnización. "Estamos ante un clarísimo exemplo da explotación e da precariedade laboral que se dá no sector dos centros de chamadas", denuncia o delegado da CIG en Teleperformance, Tino Fernández.

Planificación nefasta da empresa

Fernández explica que este persoal estaba adscrito á campaña de Orange na que traballan máis de 400 persoas e, como vén sendo habitual no sector, durante 5 semanas realizaron unha formación non remunerada a tempo completo, coa perspectiva de, ao remate desta, acceder a un posto con todas as garantías. Transcorrido ese tempo, o 3 de decembro Teleperformance contratou a este persoal en período de proba, pero de maneira sorprendente, a partir do día 12 comeza a comunicarlles o cese a máis de 40 destas persoas.

"A dirección alega que non superaron o período de proba, algo que resulta curioso tendo en conta que tiveron cinco semanas para comprobar se respondían ou non ao perfil buscado", critica a sección sindical da CIG. Neste senso, apuntan que Teleperformance fixo unha planificación errónea do persoal que necesitaba para a campaña "e agora pretende camuflar un despedimento colectivo por causas económicas baixo a aparencia de ceses por non superar o período de proba, evitando así ter que iniciar un procedemento de negociación dos despedimentos e aforrar cartos".

Fernández alerta da desprotección absoluta na que queda o persoal afectado a causa da pésima planificación feita pola empresa. "Moitos destes traballadores e traballadoras deixaron os empregos que tiñan para facer a formación (que a empresa non paga), coa perspectiva de lograr un traballo a tempo completo; pero, menos de 1 semana despois de seren contratados/as, atópanse na rúa e sen posibilidade de acceder á prestación por desemprego".

Para a sección sindical da CIG estamos ante "outro paso adiante na explotación laboral no sector dos centros de chamadas".

Volver