Teleperformance despide en plena pandemia alegando que o persoal non acadou os obxectivos marcados

A empresa tamén ameza con descontos nos salarios polas incidencias técnicas no teletraballo

A Coruña -

O comité de Teleperformance na Coruña alerta que a empresa continúa aproveitando a crise sanitaria da Covid19 "para explotar e despedir os seus traballadores e traballadoras en pleno estado de alarma". Cada semana, denuncia a representación social, a empresa executa despedimentos alegando que o traballador ou traballador  afectada non acadou os obxectivos marcados, cando en moitos dos casos isto vén motivo por incidencias técnicas "que son sempre responsabilidade da empresa".

A este respecto, o comité lembra que o persoal está asumindo os custes do teletraballo no seu domicilio e mesmo teñen aceptado, a proposta da empresa, adiantar as vacacións, reducir a súa xornada, coller excedencias, etc. "coa conseguinte perda de poder adquisitivo, para que a empresa, finalmente lles pague co despedimento".

Por se non fora abondo, Teleperformance ameza con descontos nos salarios polas faltas de conexión e obriga a recuperar estes tempos baixo ameaza de retirar o teletraballo. "A ruindade de Teleperformance continúa con chamadas a traballadoras/es de baixa, coaccionándoas para que se reincorporen ao seu posto; o que demostra o pouco que lle importa a saúde, a pesar da situación actual".

A empresa crea "as súas propias fases"

Dende o comité denuncian tamén que a empresa non segue as directrices marcadas polas autoridades sanitarias para a desescalada, "creando as súas propias fases só pensando no seu interese produtivo e sen ter en conta os criterios preventivos".

Xunto a isto, critican que Teleperformance evita trasladar información e dar participación á representación legal das traballadoras e traballadores, "dificultando a defensa dos dereitos tanto a nivel de saúde como legal, continuando coa súa actitude rastreira e ditatorial".

 A compañía, que ten as súas oficinas no polígono da Agrela, emprega a máis de 800 persoas que prestan servizos para grandes multinacionais tanto de telecomunicacións, como enerxéticas ou doutros sectores.

Volver