Tempos globais de incerteza e cambios

Julio C. Gambina - 03 Xun 2022

Reitérase a tradicional política imperialista desde Washington que reproduce a lóxica de dominación sobre América Latina e o Caribe, esquecendo que o seu poder é desafiado pola perseveranza dun proxecto liberador que hai máis de seis décadas sostén a Cuba revolucionaria

Definir o final da unilateralidade dominante do capitalismo

 Medra a incerteza na economía e a política mundial, da man de problemas estruturais do capitalismo contemporáneo evidenciados no comezo do século XXI e agravados despois de tres anos de pandemia e unha guerra en Europa que vai a máis e ameaza a sociedade e o planeta.

 Por unha banda, o estancamento económico e o retorno preocupante da alza de prezos, especialmente de alimentos e enerxía, afectando sobre todo á maioría empobrecida do sistema mundial. Doutra banda, a confrontación bélica exacerba a disputa pola hexemonía da orde capitalista, configurando campos xeopolíticos onde xunto ao incremento do gasto militar se dirimen sancións e réplicas que agravan os problemas da sociedade empobrecida do sistema mundial.

 A crise capitalista xeraba na mudanza de século, desde as voces dos pobos, o debate dunha axenda alternativa, que contemplase a eliminación da pobreza, o patriarcado e os diversos dereitos conculcados de mulleres, xente nova, pobos orixinarios, traballadoras e traballadores, xunto á promoción do emprego, a economía autoxestionaria e comunitaria, contra a explotación e pola defensa do medio natural ante o cambio climático, contra o saqueo e destrución dos bens comúns da humanidade.

 Desde a institucionalidade do sistema mundial e con linguaxe diplomática, non efectiva e irrealizábel falábase de incumpríbeis obxectivos para o desenvolvemento ou para o milenio. A realidade devolvía a hipocrisía do statu quo, que privilexia a lóxica dos beneficios e a acumulación, visíbel en materia de saúde, mentres que a ausencia dunha alternativa transformadora resulta evidente como expresión de superación da orde vixente.

Fan falta cambios

 Non hai de dúbida que, en todas as análises, de esquerda a dereita, a situación é preocupante e que se requiren modificacións substanciais. En termos futbolísticos diriamos que hai “movementos no banco”, é dicir, veñen mudanzas, onde uns saen outros entran, colocando en xogo o lugar da dominación e a subordinación.

 Claro que, ás veces, esas mundanzas só supoñen modificacións cosméticas que non transforman a fondo a sociedade. A nosa preocupación vai no sentido de situar na axenda que, xunto á iniciativa das clases dominantes por restaurar a confianza e a orde capitalista, desde os pobos debemos xerar condicións para iniciativas en sentido contrario, que produzan as condicións de posibilidade para cambios revolucionarios.

 A incerteza e o sentido da iniciativa do poder, é algo que vemos nas discusións dos conclaves recentes e a realizar. As reunións de primavera dos organismos internacionais anticiparon as malas novas para os negocios, con tendencias a retardar o crecemento económico e un horizonte de “estanflación”.

 Volve a pantasma da “estanflación” dos 70/80? A resposta dada por Paul Volcker desde a Reserva Federal dos EUA (FED) foi entón monetarista, e impregnou a lóxica dominante “liberalizadora” da política económica da maioría dos países. Xeneralizouse o neoliberalismo que se ensaiou nas ditaduras do cono sur de América. O próximo ano cumprirase medio século daquel experimento que despois colonizou a civilización e tenta sosterse na dominación mundial.

 Na actualidade, a FED lidera unha dinámica de aumento de taxas de xuros, que replica a banca central do capitalismo desenvolvido, agravando a situación de países con problema de endebedamento público, non precisamente os máis endebedados, que son os hexemónicos do capitalismo global.

 Pero tamén afectando a débeda privada daquelas empresas sen capacidade de disputa na hexemonía mercantil capitalista, inducindo novos procesos de concentración e centralización de capitais sobre a base da creba de capitais descartábeis. Do mesmo xeito, resulta preocupante o caso das familias de menos recursos, fortemente endebedadas para a reprodución da vida cotiá.

 Na mesma sintonía que os organismos financeiros funcionaron o Foro de Davos, o Foro Económico Mundial (FEM), pedindo restaurar a “confianza” ante a crise agravada con inflación á alza, tendencias á baixa da produción, o comercio e os investimentos, máis aínda co confinamento en China ante a persistencia da COVID19. Existe incerteza global sobre o presente e o devir, o que se manifesta nos distintos conclaves convocados para as próximas semanas.

Que horizonte para o noso tempo?

 Por unha banda, a lóxica da liberalización, como promoven desde o FMI e o Banco Mundial, ou desde o FEM; pero moi especialmente en xuño próximo na Cimeira de Presidentes das Américas que convoca Joe Biden, o presidente estadounidense, excluíndo a Cuba, Nicaragua e Venezuela, con forte rexeitamento e demandas de inclusión deses países por varios gobernos da rexión, que anticipan ausencias ou redución da xerarquía na presenza.

 Reitérase a tradicional política imperialista desde Washington que reproduce a lóxica de dominación sobre América Latina e o Caribe, esquecendo que o seu poder é desafiado pola perseveranza dun proxecto liberador que hai máis de seis décadas sostén a Cuba revolucionaria.

 O debate en contra das exclusións pon en cuestión o rumbo de Nuestramérica, que ben pode recuperar a inventiva dos primeiros anos do século XXI, especialmente a constitución da CELAC.

A cimeira dos EUA e a OEA responde a unha vella concepción de subordinación, mentres que a CELAC e outras iniciativas xeran expectativas doutros diálogos e articulación para debater acerca dun rumbo propio da rexión e as formas e modos de inserción mundial.

 No mesmo sentido liberalizador pretende funcionar en xuño o G7 en Alemaña, atraendo como convidados especiais a presidentes en funcións de articulación política e diplomática en diversas rexións, caso de Arxentina na presidencia da CELAC, ou de Senegal á fronte da Unión Africana; mais tamén a Indonesia, sede da próxima cimeira presidencial do G20, nun intento por cooptar países á dinámica da ofensiva capitalista.

 Do que se trata, en definitiva, é de camiñar cara a resolver o desafío que se presenta á humanidade para definir o final da unilateralidade dominante do capitalismo segundo os acordos de fins da segunda guerra mundial, consolidados a comezos dos noventa do século pasado coa ruptura da bipolaridade e a desfeita da URSS.

 A interrogante é se as mudanzas económicas, políticas e diplomáticas en curso só servirán para reproducir unha lóxica de disputa do goberno do capitalismo mundial, ou si se abre unha perspectiva de transformación en contra e máis aló do capitalismo.

 Paga a pena pensar nesas mudanzas ante a recente cimeira de chanceleres en marzo e a próxima de presidentes do BRICS en xuño, con convidados con intencións de ampliación. O agrupamento de países BRICS plus, é dicir, con novos membros, pode ser expresión de grandes porcentaxes da poboación global, en torno ao 50%, con forte participación no produto mundial, disputando un terzo da capacidade económica total.

 O asunto é se a iniciativa pode ser parte dunha lóxica que desande o camiño da sociedade monetaria mercantil fortemente estimulada no último medio século coa liberalización, e propor un sentido alternativo pensado na satisfacción das necesidades sociais insatisfeitas de gran parte da poboación mundial.

 Pode alguén pensar que se trata de elucubracións utópicas. Porén, o propósito de enuncialas quere desafiar a imaxinación da humanidade que sofre as relacións capitalistas en tempos de transnacionalización e crise, para xerar respostas populares que desafíen a orde vixente e as iniciativas políticas do poder, incluída a próxima cimeira da OTAN.

 Se se trata de producir cambios, a imaxinación debe ir máis aló do posíbel e animar a confrontación en contra da explotación e o saqueo, pensando máis na cooperación do traballo social e na defensa do medio natural, abandonando o patriarcado e toda forma de discriminación e racismo.

 

[Artigo tirado do sitio web La Haine, do 1 de xuño de 2022]