Terceira xornada de folga en Atento en demanda dunhas condicións laborais dignas e polo cese das presións

Arredor do 70% do persoal da plataforma da empresa na Coruña está secundando o paro

A Coruña -

Traballadores e traballadoras da plataforma de Atento na Coruña están desenvolvendo a terceira xornada de folga en demanda dunhas condicións laborais dignas, estabilidade na contratación e contra a política de presións constantes aplicada pola empresa. Para visibilizar a súa loita, este luns, as delegadas e delegados realizaron unha concentración diante das oficinas de Atento na céntrica rúa Juan Florez.

Esta terceira xornada de paro de 24 horas, que afecta a todos os departamentos, rexistra un seguimento de arredor do 70% e está convocado por CCOO, UGT, USO e CIG. Coa medida de presión quérese demandar cambios na política de recursos humanos e toda unha serie de medidas para mellorar as condicións de traballo e en materia de saúde laboral.

A este respecto, solicitan que se forme adecuadamente ao persoal formación, compensación do tempo libre de chamadas fóra do horario, tempo administrativo e entre as chamadas, a aplicación de medidas que diminúan os riscos psicosociais ou o estabelecemento duns obxectivos “alcanzábeis e xustos”.

A representación social demanda tamén o cese da presión continuada e unha redución do control constante ao que están sometidas as traballadoras e traballadores, así como a paralización das sancións indiscriminadas, os despedimentos e “que se recoñeza o noso traballo”.

Volver