Terceira xornada de folga en DIGI en defensa dunhas condicións laborais e salariais dignas

A empresa teima na súas prácticas de esquirolaxe e nos intentos de criminalizar os dereitos fundamentais do seu persoal
A Coruña - 25 Set 2025

Malia os intentos de DIGI de criminalizar e vulnerar o dereito fundamental á folga, os traballadores e traballadoras están desenvolvendo este xoves a terceira xornada de folga en rexeitamento ao convenio de empresa asinado en Madrid por UGT e CCOO, que recorta substancialmente as condicións salariais e laborais actuais. Nesta xornada, o persoal aproveitou para concentrarse na praza do CC Marineda - onde a operadora de telecomunicacións conta cunha tenda- e repartir follas informativas entre a clientela sobre os motivos do conflito.

Unha xornada máis tamén, a empresa está intentando vulnerar o dereito á folga con prácticas de esquirolaxe, ao desprazar un importante continxente de traballadores/as da provincia de Pontevedra e de Asturias para que fagan o traballo dos compañeiros en folga. Esta actuación ilegal foille comunicada á Inspección de Traballo para que incorpore estes feitos e amplíe a denuncia presentada o martes pola CIG, por unha práctica similar pero naquel día con persoal trasladado dende Madrid. Ademais, hai que salientar que, nos días previos á folga, a empresa dedicouse a enviar correos ameazadores ao comité co obxectivo de amedrentar o persoal para que non secundara os paros.

A CIG-Industria insta a dirección a cesar nesta grave actuación e na política de confrontación patronal co persoal e chama a empresa a sentar a negociar “de maneira seria e responsábel, dando resposta ás lexítimas reclamacións do conxunto dos traballadores e traballadoras”. Reclamacións que simplemente pasan pola defensa dunhas condicións salariais e laborais que xa teñen recoñecidas no actual convenio de referencia: o de siderometal da provincia da Coruña.

O convenio de empresa promovido por DIGI e negociado en Madrid sen contar coa participación de todos os sindicatos con representacións nos comités nin coa opinión do conxunto do persoal só ten como obxectivo precarizar as condicións de traballo, afastar as relacións laborais dos centros de traballo e debilitar calquera resposta colectiva.

Por iso, despois destas tres xornadas de folga, estanse intensificando as conversas cos comités doutras provinciais e co resto de centrais sindicais con representación para artellar unha resposta máis ampla contra a aplicación efectiva dese convenio de empresa (que aínda non foi publicado) pero que suporía un duro golpe aos dereitos do persoal.