Terceira xornada de paros e mobilizacións en Leche Río pola mellora das condicións laborais

Lugo - 27 Mar 2023

Os traballadores e as traballadoras de Leche Río continuaron, por terceiro luns consecutivo, co calendario de paros e mobilizacións para reclamar unha mellora das condicións laborais. Desta volta, ademais da folga parcial entre ás 12 e ás 16 horas, realizaron unha manifestación entre as dúas plantas que empresa ten no Polígono industrial de Lugo, saíndo da factoría Ceao 2 na rúa Agricultura, e rematando na planta Ceao 1, situada na Avda. Benigno Rivera.

O persoal de Leite Río leva meses reclamando unha serie de melloras nas condicións laborais por conta dunha excesiva flexibilidade que a empresa quere implantar sen ofrecer ningún tipo de compensación nin ter en conta a conciliación da vida laboral e familiar.

O secretario da FGAMT-CIG de Lugo, Christian López, denuncia que a empresa rachou as negociacións o pasado 10 de marzo, sen achegarse ás posicións da parte social, "polo que na actualidade non existe ningunha expectativa de solución no que, claramente, é unha actitude irresponsábel da súa propietaria".