Terceiro día de protestas na refinería da Coruña contra a política de recortes de persoal aplicada por Repsol

O vindeiro luns, 27 de abril, está convocada unha xornada de folga no complexo industrial
A Coruña - 22 Abr 2026

Traballadores e traballadoras da refinería de Repsol continuaron este mércores co calendario de mobilizacións para rexeitar o recorte de persoal aplicado pola empresa na unidade de Coque e reclamar que non se xogue coa seguridade das persoas nin das instalacións.

Esta é a terceira protesta que o persoal realiza ás portas do complexo industrial da Coruña dende que Repsol comunicou a súa decisión de reducir unha persoa por quenda nesta unidade, sen achegar documentación que xustifique esta medida nin explicar como se vai organizar o traballo para garantir a seguridade nas operacións críticas.

Para a sección sindical da CIG estamos ante un paso máis na política de destrución de emprego e de falta de investimentos de Repsol e por iso chama ao conxunto das traballadoras e traballadores a dar unha resposta contundente na folga convocada para o vindeiro luns, 27 de abril.

Neste senso, a CIG exíxelle a Repsol un plan industrial inmediato, público e con garantías, con investimentos reais na refinería da Coruña e un proceso de transición enerxética xusta “que non sexa unha escusa para precarizar e destruír postos de traballo”.