Terceiro xoves de protestas do persoal dos centros de Política Social pola recuperación dos dereitos e uns servizos sociais dignos

As concentracións realizáronse nas residencias de maiores, centros de menores e CAPD
Nacional - 11 Xun 2020

Traballadoras/es de Política Social continuaron este xoves co calendario de mobilizacións diante das residencias de maiores, centros de menores e centros de atención a persoas con discapacidade en demanda da recuperación dos dereitos recollidos no V Convenio Colectivo Único; en demanda duns servizos sociais públicos, dignos e de calidade; polo incremento das prazas públicas de xestión directa, fronte ao modelo privatizado fomentado polo PP nestes anos; pola fin da precariedade no sector público; e a transformación dos contratos parciais a xornada completa.

Este é o terceiro xoves consecutivo que o persoal sae a mobilizarse ás portas dos centros de traballo para reclamar a recuperación dos dereitos que a Xunta lles mantén recortados dende o ano 2012 e contra do empeoramento das condicións laborais impostas baixo a escusa da crise sanitaria.

Entre outras cuestións, reclaman ter dous días de descanso semanal consecutivos, librar a metade das fins de semana alternas, librar a metade dos festivos anuais e descanso compensatorio festivos e domingos traballados.

Dende as organizacións sindicais convocantes adiantaron a posibilidade de que o calendario de protestas, que en principio se ía prolongar durante o mes de xuño, teña continuada tamén en xullo "ante a falta de resposta da Xunta" ás súas demandas. 

As centrais barallan continuar coas protestas tamén en xullo

Neste senso, denuncian que os dereitos recortados dende a crise anterior produciron a amortización de cadro persoal e un aumento da carga de traballo, ao que hai que sumar a falta de medios materiais e o alongamento da situación de excepcionalidade nos centros de Política Social que provocou a crise sanitaria do coronavirus, así como a ausencia de vontade negociadora da Consellería.

Nesta ocasión escolleuse a residencia de Maiores Nosa Señora dos Miragres (Cabeza de Vaca) para celebrar a protesta principal, onde os representantes das centrais convocantes -CIG, CCOO, UGT e CSIF- compareceron diante os medios de comunicación. Precisamente nesta residencia a CIG vén de presentar denuncia na Inspección de Traballo tras o restablecemento do sistema de visitas a residentes, xa que o espazo habilitado para tal fin non cumpre os protocolos de seguridade e saúde laboral.