• Nova

Termos en conta a man de obra de reserva

Manuel Mera - 09 Nov 2022

Non se pode obviar o efecto da emigración e inmigración no mercado laboral (e na loita de clases), na análise da realidade económica e social do país. Evidentemente este é un tema que ademais nos leva a tratar as condicións de sobreexplotación e opresión dos países de orixe por parte do imperialismo e estados subimperialistas

 

 Hai máis dun aspecto na estatística relacionada co mundo laboral que leva a pensar que algunhas modificacións, que ultimamente se fixeron, teñen como unha das súas finalidades maquillar os datos de emprego/desemprego, para dar pulo a unha interpretación mellorada da realidade. Concretamente axudar a que teñamos unha visión menos critica do carácter extremo da crise do capitalismo, e non só da súa versión máis globalizadora e neoliberal (desfeita ecolóxica, medre da desigualdade...). A substitución dos contratos temporais por fixos descontinuos sería un exemplo desta táctica política, xa que aqueles/as afectados que estean durante un período do ano no paro, e non cobren prestación económica, tamén figuran como ocupados e restan nas cifras das persoas en desemprego. O propio pasa cos empregados/as que estean nun ERE, etc.

 É verdade que hai sectores onde os fixos descontinuos existen dende hai décadas, como nas empresas de conservas de peixe (por certo a ING-INTG-CIG sempre reclamou que fosen fixos), mais coa reforma laboral a norma estendeuse practicamente a todos os sectores laborais, multiplicando o seu impacto tanto sobre os contratos considerados indefinidos como en relación coa porcentaxe de desemprego. Hoxe non é unha excepción, senón unha parte significativa da poboación considerada como ocupada, aínda que unha parte do ano non o estea. Polo tanto esta maquillaxe dos datos ofrece unha visión distorsionada que favorece o Goberno do momento, hoxe ao PSOE+UP e pode que na seguinte lexislatura o PP (hoxe moi crítico sobre o tema), porén esencialmente non realiza unha foto exacta da situación laboral, que é esencial para ver as tendencias e poder facer unha caracterización precisa da realidade E ademais resta argumentos aos sindicatos e ás forzas da esquerda antisistémica. 

 Esta deformación da foto estatística, por unha banda resta argumentos á patronal respecto de que a recuperación dos salarios (reducidos na súa capacidade de merca pola inflación) incide na creación de emprego, como esta asegura. Mais por outro lado dálle ferramentas para presentar un marco laboral no que hai déficit de man de obra. Requirindo a entrada de inmigrantes que aumentan a man de obra de reserva, contratados á baixa e cuestionando na práctica salarios e condicións de traballo, así como as loitas reivindicativas (dos/as galegas de orixe e os/as inmigrantes residentes con emprego). Ademais de non ter en conta que, por exemplo, en Galiza o paro supera o 10% malia a forte emigración, e os inmigrantes constitúen un dos segmentos da sociedade galega con maior taxa de desemprego e de pobreza (tamén no Estado español). Trátase non só de ter as portas abertas á inmigración senón de ademais garantir condicións laborais dignas, ou sexa, asegurar unha integración igualitaria e plena.

 Non se pode obviar o efecto da emigración e inmigración no mercado laboral (e na loita de clases), na análise da realidade económica e social do país. Evidentemente este é un tema que ademais nos leva a tratar as condicións de sobreexplotación e opresión dos países de orixe por parte do imperialismo e estados subimperialistas, especialmente cando Galiza está en retroceso demográfico e do PIB no marco do Estado español, e é historicamente unha nación que tamén exporta man de obra (ao que se lle suma nesta etapa o investimento de capital no exterior, co que isto implica na creación de emprego).

 En resumo, o medre ou recuar do PIB, o carácter do balanzo comercial e de capital co exterior, a creación ou perda de emprego neto e a taxa de man de obra de reserva (desemprego, inmigración) non son unha cuestión secundaria na loita de clases, xa que condicionan o marco económico-social e polo tanto reivindicativo da clase traballadora. Ademais destas condicións obxectivas hainas de tipo subxectivo, ou sexa: da fortaleza da organización e da mobilización sindical, do axeitado dos obxectivos e da folla de ruta, de gañar a complicidade da maioría social. Daquela, tamén a importancia de organizar ou manter pontes acotío coa man de obra de reserva,... que non é doado.

 

[Galiza, 9 de novembro de 2022]

https://obloguedemera.wordpress.com/