“Ti acosas, eu acuso!”

A CIG mobilízase coincidindo cun xuízo por acoso na empresa Plastic Omnium de Redondela

Vigo -

Un grupo de delegadas/os da CIG mobilizáronse hoxe diante do Xulgado do Social número 7 de Vigo ao berro de “ti acosas, eu acuso” en solidariedade coa traballadora da empresa Plastic Omnium de Redondela que denunciou un caso de acoso laboral con agravante de xénero na empresa.

A celebración do xuízo quedou finalmente adiada para o vindeiro 28 de setembro porque non chegou a tempo a documentación requirida polas partes. Dun lado a vítima, que presentou denuncia contra a compañía e contra o ex encargado responsábel do acoso, e pola outra a defensas da empresa e do acusado, esta última exercida por unha avogada de CCOO.

Con todo, antes da hora de inicio prevista, a empresa e o acusado intentaron chegar a un acordo coa afectada ofrecéndolle unha cantidade económica a modo de indemnización. A cambio, o acusado quería que constase que non asumía os cargos e solicitaba que a traballadora renunciase a calquera tipo de acción xudicial posterior. En consecuencia, a afectada rexeitou o acordo, polo que o xuízo terá que celebrarse.

As demandas contra Plastic Omnium e o encargado presentáronse despois de que a traballadora denunciase na empresa que estaba a ser obxecto de acoso por razón de sexo e laboral. A raíz desta denuncia activouse un procedemento de investigación interno que determinou a existencia de acoso, que derivou en medidas contra o acusado, como a perda da súa condición de encargado.

A dirección non adoptou medidas

A comisión instrutora da denuncia trasladoulle á empresa e necesidade de establecer medidas para a prevención e o tratamento de acoso que a dirección non levou a cabo.

Segundo explican dende a CIG, o acoso comezou unha vez que o acusado, que mantivera unha relación sentimental coa traballadora no pasado, foi nomeado encargado, e polo tanto superior xerárquico da afectada.

“Entón comezan os comentarios sexistas, as humillacións, as faltas de respecto, a persecución e o control constante, até o punto de que era obrigada a facer labores que non podía realizar e a asumir unha carga de traballo desproporcionada con respecto ao resto do persoal”.

Durante a protesta ás portas do Xulgado do Social número 7, situado no edificio da Gota de Leite, despregouse unha faixa na que se podía ler “Na túa empresa tamén hai violencia e berráronse consignas como “Ti acosas, eu acuso, “Estamos fartas de sermos acosadas”, “Plastic Omnium apunta, o acosador dispara” e “Se tocan a unha tócannos a todas”.

Volver