Todas as empresas do aeroporto de Santiago, en folga contra o peche da cantina

Santiago -

O persoal de todas as empresas que operan no aeroporto da capital de Galiza, o “Rosalía de Castro”, está chamado a secundar unha folga que se desenvolverá os días 13, 20 e 27 de setembro, entre as 4:30 e as 10:30 horas. Unha convocatoria histórica, tal e como explica o delegado da CIG en AENA e portavoz do comité de folga, Pablo de Prados, porque “é a primeira vez que unha folga no sector aeroportuario atinxe a todas as traballadoras e traballadores de todos os departamentos, desde o das compañías aéreas até o de seguridade, limpeza, combustibles, restauración ou mesmo Correos”.

A folga convócase en demanda do mantemento da cantina, mais tamén para combater a cada vez maior precariedade e temporalidade que sofre o persoal do sector aéreo; o constante aumento da carga de traballo; a falta de persoal en horario nocturno; a supresión encuberta do servizo de enfermaría do aeroporto e o custo do aparcamento, polo que o persoal ten que pagar entre 20 e 30 euros ao mes, sen ningunha outra alternativa.

O conflito iniciouse no mes de marzo porque o peche do servizo de cantina obrigaría o persoal a pagar, nas cafeterías de viaxeiros/as, o dobre do que agora pagan por un menú, un café e un bocadillo. Un gasto insostíbel dados os “salarios precarios –algúns nin chegan aos 500€-, que teñen moitos traballadores e traballadoras de moitas das empresas”.

Desde aquela remitíronse escritos tanto á dirección de AENA como á do aeroporto Rosalía de Castro; sucedéronse mobilizacións de todo tipo; houbo mocións e pronunciamentos tanto do Parlamento de Galiza, como do concello de Santiago, e mesmo mediou a Subdelegada do Goberno en Galiza, Pilar López-Rioboo. “Logo de todo isto, AENA nin se dirixiu, nin se reuniu unha soa vez, coa coordinadora do comité intercentros, por iso nos vemos abocados á folga”.

Volver