Touro só ten unha carteira para facer o reparto postal en todo o municipio

CIG-Correos reclama a contratación de persoal para garantir o servizo e que se manteñan as tres prazas actuais
Touro - 21 Nov 2025

A CIG-Correos denuncia que dende a pasada semana no Concello de Touro soamente hai unha carteira para cubrir todo o municipio, o que está a provocar que miles de obxectos queden cada día pendentes de reparto. Das tres prazas de coas que conta este concello, na actualidade só está traballando unha persoa, logo da xubilación recente dun compañeiro e a ausencia por vacacións do outro carteiro.

A CIG advirte que esta situación deriva nunha sobrecarga de traballo para a carteira que está operativa e provoca que xa haxa miles de obxectos postais pendentes de reparto. Neste senso, avanzan que hai moitos veciños e veciñas “que non van recibir a súa correspondencia en toda a semana”, o que supón un incumprimento da lei postal estatal e da encomenda de servizo público atribuída á empresa Correos. 

O sindicato xa denunciara unha situación similar no verán, cando Correos decidiu non substituír a baixa por enfermidade dun dos carteiros. A falta de persoal, a acumulación de obxectos e a sobrecarga laboral son elementos comúns a todo o servizo dada a política de ‘0 substitucións’ e adelgazamento que practica Correos dende hai anos.

No caso de Touro, ademais, a situación agora podería empeorar, xa que a empresa postal ten intención de suprimir un posto de reparto dos tres actuais, deixando só dúas persoas dende este mes de novembro.

Diante disto, a CIG reclama a cobertura inmediata da ausencia por vacacións, que Correos desista na súa intención de recortar persoal nesta unidade e que se garanta un servizo público de calidade e unhas condicións laborais dignas.