Traballadoras con xenio

Manuel Mera - 17 Nov 2020

No ano 1991 o Instituto Nacional de Industria (INI) vendeu o grupo de Empresas Álvarez á empresa Pickman SA, unha fábrica cuxas accións eran propiedade de Estudesa, por 100 millóns das antigas pesetas. A venda produciuse xusto despois de que o INE investise 12.500 millóns para dotar a GEA de tecnoloxía de vangarda, con fornos de última xeración. Coa privatización comezou a desfeita

 A longametraxe “Nación” sobre as traballadoras de Pontesa, dirixida por Margarida Ledo, foi premiada no Festival Europeo de Sevilla como a mellor dirección dun filme do Estado español presentado no certame. Hai que felicitar a Margarida Ledo por este premio, máxime cando implica ademais un recoñecemento exterior á calidade do cine realizado na Galiza. Asemade a temática ten un dobre valor, por unha banda, destaca a loita da clase traballadora por mellorar as condicións laborais e defender o posto de traballo, e pola outra, salienta o papel da muller no primeiro plano da conflitividade laboral. Rescatando deste xeito a unha morea de traballadoras que son exemplo no sindicalismo.

 Lembro que de cativo, na emigración, no barrio de Haedo na provincia de Bos Aires, nos arrabaldes da cidade do mesmo nome, sentaba a escoitar os paisanos que se xuntaban na casa dos meus pais a falar da Terra, dos problemas que atopaban para se facer un lugar na emigración, e dicían que tal home ou muller que tiña ou non xenio, ou sexa, que se sabía defender e reivindicar, algo que para eles tiña moito valor. Fago esta reflexión porque na Pontesa, así como en moitas outras empresas e sectores houbo mulleres con xenio, na primeira liña reivindicativa e solidaria. Isto tamén foi o que vin moitas veces durante a miña etapa de traballador na empresa privada, tanto na Arxentina como despois do retorno en novembro de 1972 na Galiza. Un período no que reflexionei respecto da práctica ligada á empresa e á conflitividade sindical de base, que foron para min a principal escola para comprender e asumir a loita de clases.

 Sempre dixen, na miña etapa como dirixente sindical, en plan simplificador para fixar o esencial, que había dous sectores da clase traballadora de vangarda na Galiza: un era o metal, daquela con maioría de persoal masculino, e o outro era a conserva, cunha maioría abafadora de persoal feminino (tamén nos comités de empresa). A realidade sempre foi máis complexa e hai loitas de empresas e doutros sectores nos que as mulleres tiveron moita participación e protagonismo, como o Grupo de Empresas Álvarez (GEA) no que estaba integrada Pontesa, e que pertencía ao sector da cerámica. Tamén son salientábeis as mobilizacións no téxtil como en Cortemans ou Telanosa, por poñer só algún exemplo. Por non falarmos da loita histórica das operarias na Tabacalera da Coruña. Tampouco era igual a resposta en todas as empresas; dependía en boa medida da existencia dunha vangarda aínda que non tivese vida orgánica. Tal era o caso nun primeiro intre dalgunhas conserveiras do Salnés. Noutras factorías existía unha longa traxectoria de loita organizada como en Massó. Tamén contou o seu, a partir de finais da década dos 70, a presenza do sindicalismo nacionalista (ING, INTG, CXTG, hoxe a CIG) que recolleu ou creou unha vangarda politizada, especialmente entre a mocidade máis combativa.

 Centrándome en Pontesa, que era unha fábrica do grupo GEA na que o sindicalismo nacionalista tivo unha forte presenza. Lembro que os primeiros contactos do SOG-ING con traballadoras/es foron feitos por Luís Obelleiro, un compañeiro e militante da UPG que realizou un traballo político exemplar en toda aquela bisbarra, tanto nos obxectivos, como nas formas e nos resultados. Pontesa era das empresas da bisbarra que pararon durante a folga xeral de dúas semanas de setembro de 1972 en Vigo; El Pueblo Gallego do 24 dese mes fala de reincorporación de persoal en titulares dun artigo sobre o tema.

 En 1975 os xornais destacan que no mes de setembro catrocentas traballadoras/es da fábrica (un 80% do persoal eran mulleres) xantaron á beira da estrada reclamando xornada continua, nunha acción conxunta de GEA. No ano 1976 GEA pasou a ser de propiedade pública. CCOO era historicamente a central sindical hexemónica no grupo. Por exemplo, nas eleccións de 1986 acadou 25 delegados/as dun total de 59. Porén en Pontesa, con 450 persoas na factoría, será a INTG a central con maior representación, con 6 delegados/as, por 5 de UGT e 2 de CCOO.

 A acción reivindicativa non parou coa propiedade pública da empresa. No mes de abril, maio e xuño de 1987 o cadro de persoal vai en varias oportunidades á folga e realiza cortes de tráfico, reclamando melloras no convenio. Tamén se fai unha concentración diante do Goberno civil en Pontevedra e unha ocupación das fábricas en Cabral, Ponte Sampaio (Pontesa) e Coruxo. En 1989 comeza o proceso de privatización. Os xornais recollen a postura das centrais sindicais nacionalistas (INTG e CXTG) que consideran que a situación do grupo se está deteriorando cada vez máis, un proceso que consideran está calculado xa que se quere privatizar a empresa, e acusan a CCOO e UGT de colaboraren con esta estratexia (daquela GEA aínda tiña 1.600 operarios/as). 

 O 4 de outubro de 1991 o INI vendeu o grupo de Empresas Álvarez á empresa Pickman SA, unha fábrica cuxas accións eran propiedade de Estudesa, por 100 millóns das antigas pesetas. A venda produciuse xusto despois de que o INE investise 12.500 millóns para dotar a GEA de tecnoloxía de vangarda, con fornos de última xeración. Coa privatización comezou a desfeita. En marzo de 1993 os xornais destacan que os veciños de Soutomaior e Vilaboa, localidades que ademais pararon, se incorporan masivamente á manifestación de Pontesa (sobre 2 mil persoas), coa participación duns 200 traballadores/as das fábricas de Vigo. Córtase o trafico rodado e ferroviario en Arcade. A protesta é consecuencia dos atrasos nos salarios e a incerteza sobre o futuro do grupo. Os medios indican que se formaron ringleiras de coches de catro quilómetros e tres trens ficaron paralizados. Prodúcense 18 despedimentos por parte da patronal, e o 11 de marzo como consecuencias das mobilizacións, o cadro de persoal volve á empresa, despois de chegar a un acordo coa dirección respecto do aboamento das nóminas atrasadas e da reincorporación dos/as despedidas. As centrais sindicais afirman nos xornais que GEA é competitiva porén que a xestión é nefasta.

 Nos seguintes anos a situación no grupo non deixa de se deteriorar xa que os donos dan prioridade a outras empresas da súa propiedade que fabrican idénticos produtos. En xaneiro de 2001 o propietario di que abandona GEA e asegura que regalará as accións, nun contexto en que o grupo está descapitalizado, con salarios adebedados, e falta de materia prima. Daquela o cadro de persoal da empresa xa estaba reducido a 800 persoas. Os xornais salientaban a difícil situación e lembraban que nos anos 60 chegou a contar con 6.000 traballadores e traballadoras. Convócanse novas  mobilizacións para recuperar os salarios e premer á administración, para que asegurar a continuidade do grupo, non deron resultado.

 A proposta de constituír unha Sociedade Anónima Laboral, feita por CCOO, UGT e USO, levou a enfrontamentos coa CIG, xa que a consideraba unha saída en falso, tal como sucedeu. Morría así, por responsabilidade dos tres xestores privados da última década, da falta de compromiso co emprego e a actividade transformadora por parte da Xunta e do Goberno central, unha empresa modélica na fabricación de vaixelas e envases de vidro. Tamén faltou máis  atrevemento por parte de CCOO e UGT, que dirixían o Comité de empresa (folga comarcal?,  folga xeral?).Co peche, Galiza non só perdía PIB e postos de traballo senón que ademais a economía se reducía en variedade produtiva. Quedaban para a memoria histórica da clase traballadora galega décadas de reivindicación e mobilización, onde homes e mulleres deron a batalla, neste caso na primeira liña do sector cerámico máis das segundas... como no téxtil, na conserva, na limpeza, na sanidade... traballadoras con xenio, con identidade de clase.

 

[Vigo, 17 de novembro de 2020]

https://obloguedemera.wordpress.com/