Traballadoras da rede de escolas infantís municipais da Coruña (REIM) concentráronse na tarde deste xoves diante do Concello en rexeitamento aos novos pregos de condicións deste servizo, xa que non incorporou ningunha das medidas reivindicadas polo persoal, malia o compromiso do Goberno local, e incluso se afonda na precarización laboral.
Os pregos publicados non recollen nin demandas laborais como a transformación de contratos parciais a xornada completa, melloras nos calendarios ou tempo para realizar as tarefas organizativas; nin as destinadas a dignificar o salarios, que están no limiar do SMI. Tampouco aquelas propostas que non teñen custe económico, nin as destinadas a mellorar a atención ás crianzas, como a baixada das ratios, reforzar o apoio ás necesidades especiais ou garantir a parella educativa na aula, punto este último ao que instaba unha moción aprobada hai máis dun ano por parte do propio PSOE e o BNG.
Para máis gravidade, denuncia Henrique García, da CIG-Ensino, introduciuse un punto para primar con 11 puntos na valoración, a aquelas empresas que oferten 50 horas a traballar nas fins de semana tanto para a cobertura de actos das propias escolas infantís como aqueles eventos organizados polo Concello da Coruña.
“É dicir, para un colectivo que xa está precarizado, sobrecargado e con salarios de miseria, ábrese a espita para que ademais teñan que facer até 50 horas ao ano en fin de semana en actividades lúdico-educativas, cando até agora a súa xornada era de luns a venres como todas as escolas infantís”, critica.
A isto súmanse as pretensións do Concello de que sexa o propio persoal quen se forme en necesidades educativas "para así aforrar a implantación dun servizo de orientación, tal e como se comprometeran", denuncia Alma Ponlla, educadora da EIM Luís Seoane.
Profundo malestar entre as traballadoras
A desatención ás demandas sociais e o empeoramento das condicións de traballo por parte do Concello xerou un profundo malestar entre as traballadoras, que acordaron realizar esta primeira mobilización para pedir a dimisión do concelleiro de Educación, Juan Borrego, e solucións inmediatas á alcaldesa da Coruña.
Neste senso, lembra que as traballadoras da rede municipal de escolas infantís (que teñen a xestión privatizada) desenvolveron unha intensa mobilización durante o pasado ano para reclamar melloras tanto no servizo educativo e asistencial, como nas condicións salariais, laborais e do calendario escolar. As protestas suspendéronse tras o inicio das negociacións co Concello e acadarse unha serie de compromisos con Educación, que agora non se ven reflectidos nos pregos.
As traballadoras están valorando recorrer o documento por esta involución e incluso entenden que se trata dunha represalia cara a elas polas mobilizacións realizadas. Hai que salientar ademais que os pregos non cumpren o Regulamento de Réxime Interno das REIM, que estabalece que se poderá ampliar o horario de apertura ou peche da escola se existe unha demanda de máis do 25% das crianzas, pero nas novas condicións recóllese que o horario de apertura ou peche se modificará cunha única solicitude.