
Traballadoras de Zara das Cancelas mobilízanse contra os recortes de dereitos

As traballadoras da tenda de Zara do centro comercial das Cancelas, en Compostela, concentráronse hoxe ás súas portas para protestar contra os recortes de dereitos laborais. As mobilizacións, que se repetirán mañá, 10 de xuño, ás 12:00 horas, forman parte dunha convocatoria de folga de dúas horas e son a continuación das protestas iniciadas durante a celebración do 50 aniversario da primeira tenda Zara en Juan Flórez. A CIG denuncia que a empresa busca erosionar as superiores condicións laborais conquistadas historicamente polas traballadoras coruñesas, grazas á loita sindical.
Roberto Pérez, da CIG-Servizos, explica que a actual folga responde á estratexia de Inditex de centralizar as negociacións laborais en Madrid, afastándose da súa sede en Arteixo, para homoxeneizar as condicións de traballo a nivel estatal. “Esta unificación non é unha negociación real, senón un intento de recortar pouco a pouco os dereitos que aquí son superiores aos do resto do Estado”, afirmou.
Mellores condicións laborais na provincia da Coruña
Historicamente, as traballadoras de Zara na Coruña gozaron de vantaxes como unha flexibilidade horaria para recuperar horas extras ou excesos de xornada, especialmente polo traballo en domingos. Porén, a empresa introduciu novos criterios que restrinxen de forma “exaxerada” estes permisos, denegando a recuperación de xornada dun xeito inédito. “Isto nunca pasara antes, e Zara é a cadea que máis está sufrindo, aínda que o problema afecta a todas as marcas de Inditex na provincia”, sinalou Pérez.
A protesta coincide coa presentación dos resultados trimestrais de Inditex, un momento clave para a empresa ante accionistas e público, e conta co apoio do 100% á folga, respaldada polas asembleas das traballadoras, que ven ameazadas as súas conquistas laborais.
O conflito non se limita a Zara, senón que é “global” para todas as cadeas de Inditex na provincia da Coruña, con Zara como epicentro, pola intensidade dos recortes.
A mobilización tamén ten un carácter simbólico, ao retomar a protesta iniciada no 50 aniversario da tenda de Juan Flórez, cando a CIG xa alertou sobre as intencións de Inditex. “Non é só unha cuestión laboral, senón unha defensa da dignidade das traballadoras que sosteñen o éxito de Inditex”, engadiu Pérez.