Traballadoras de Zara mobilízanse diante de Fraternidade Muprespa para rexeitar as prácticas da mutua

A Coruña - 07 Xun 2023

“Mutua culpábel, Inditex responsábel” ou “a nosa saúde non é un negocio” foron algunhas das consignas que as delegadas e delegados da CIG no comité de Zara España da Coruña cantaron durante a protesta realizada este mércores na sede de Fraternidad Muprespa para denunciar o trato que a mutua dispensa as traballadoras e traballadores desta cadea do Grupo Inditex.

A presidenta do comité provincial, Carminha Naveiro, explicou que dende hai un tempo, cando as traballadoras das tendas acoden a mutua porque se lesionan ou teñen un accidente durante a súa xornada laboral e estando no centro de traballo “non nos queren atender, trátannos como delincuentes, acúsannos de estar esaxerando ou de que xa viñamos mancadas da casa. Nalgún caso, chegaron ao punto de revisar cantas baixas collera unha compañeira en toda a súa vida laboral, no canto de atender o seu problema de saúde".

Apunta que, por sistema, os servizos médicos de Fraternidad Muprespa derivan o persoal ao SERGAS, rexeitando recoñecerlle as continxencias profesionais nas baixas por enfermidade común, coas penalizacións económicas que carrexa para as traballadoras e traballadores afectados. Esta actuación obriga o persoal a ter que acudir aos xulgados "para facer valer o seu dereito".

“En vez de coidar a nosa saúde, a mutua está a facer negocio con ela”, denuncia Naveiro, quen apunta que dende Inditex, coñecedora destas prácticas, “botan balóns fóra e limítanse a dicir que a responsabilidade é da entidade”. "Reclamamos un trato correcto e profesional e non imos consentir que Fraternidade Muprespa se aproveite da nosa saúde para seguir gañando cartos. Se hai un accidente laboral a mutua teno que asumir e cando unha persoa traballadora se presenta nas súas instalacións ten que garantirlle o trato adecuado".

Neste senso, Naveiro remarcou que estas actuacións non se producen só co persoal de Inditex senón "que tamén temos coñecemento de casos similares co persoal de empresas do comercio de alimentación (como Gadis ou Eroski) que traballan con esta mutua".

Durante o decurso da concentración a CIG presentou un escrito denunciando esta situación e solicitando unha xuntanza coa dirección da mutua, petición que fai extensíbel tamén á dirección da empresa. O director da entidade recepcionou o escrito e mantivo un breve encontro coa representación da CIG no que se comprometeu a manter unha reunión a tres partes para estudar as irregularidades formuladas pola central sindical.