• Nova

Traballadoras e traballadores de Leche Celta marchan até o centro de Pontedeume en demanda dun convenio digno

A folga parcial segue a rexistrar un 100% de seguimento en cada unha das quendas
Pontedeume - 02 Feb 2022

Traballadoras e traballadores de Leche Celta marcharon este mércores dende a fábrica até a Casa do Concello de Pontedeume en demanda dun convenio colectivo digno e para rexeitar as pretensións da empresa de impor un sistema retributivo arbitrario e inxusto que penaliza as persoas que caen enfermas ou collen permisos.

A marcha saíu por volta das 11:30 horas das instalacións que Leche Celta ten en Andrade e discorreu até a Praza do Concello onde se realizou unha concentración. Alí a presidenta do comité, María Xosé Vizoso, deu lectura a un manifesto explicando a loita que o persoal está levando adiante en demanda dun convenio con dereitos para este centro de traballo.

A empresa solicitou un AGA

Vizoso tamén informou que a representación social acababa de coñecer que a empresa -que non mantivo contacto co comité dende que o pasado 10 de xaneiro deron comezo os paros laborais- solicitou no día onte unha mediación no AGA, da que aínda non se recibiu a comunicación oficial.

Á espera de recibir a solicitude e do que poida pasar nunha mediación, Vizoso destacou o seguimento total e absoluto que está a rexistrar a folga indefinida iniciada o pasado luns 31 de xaneiro, cun 100% de seguimento en cada unha das tres quendas de traballo. Ademais, nas tres horas que duran os paros que se fan por quenda, o persoal permanece nun piquete informativo ás portas da fábrica.

Isto demostra a súa firme disposición a manter a loita até conseguir un convenio que supoña un avance real nas condicións laborais e salariais, máis nun momento de forte suba do custe da vida. A este respecto, o comité demanda un convenio que manteña o poder adquisitivo dos salarios, deteriorados pola inflación, e que avance nas melloras a nivel social conseguidas durante estes anos.  

Prácticas antisindicais

Xunto a isto, Fran Cartelle, representante da CIG, reiterou as criticas ás prácticas antisindicais e de intimidación da empresa, vulnerando de xeito continuado o dereito á folga, xa que  tentou primeiro substituír o persoal folguista desviando a produción que se fai en Pontedeume a outras plantas do grupo e despois amedrentar os traballadores e traballadoras sementando dúbidas sobre a legalidade da convocatoria. Actuacións que xa foron denunciadas nos xulgados.

Este mércores cúmprese o terceiro día da folga parcial indefinida que o persoal acordou convocar, despois das diversas xornadas de paros realizados dende o 10 de xaneiro tras a ruptura das negociacións do II convenio colectivo desta planta de transformación de produtos lácteos, pertencente ao grupo portugués Lactogal.