• Nova

Traballadoras e traballadores dos centros de chamadas volven colgar os cascos por un convenio digno

Na cuarta xornada de folga, a CIG realizou concentracións en Vigo, A Coruña, Sarria e A Estrada
Nacional - 13 Xun 2022

Os traballadores e as traballadoras dos centros de chamadas volveron responder cun amplo seguimento á convocatoria de folga en demanda dun convenio colectivo que dignifique as condicións laborais e salariais no sector. Esta é o cuarto día de folga convocado pola CIG ante o inmobilismo patronal que teima na súas propostas miserentas e de recortes de dereitos xa consolidados.

Con motivo da xornada de folga, a central nacionalista tamén se mobilizou no Obelisco da Coruña, diante das oficinas de Inelcom en Sarria, diante das instalacións do CIAE-061 da Estrada e en Vigo. Nesta última cidade, a protesta foi diante das oficinas de Bosch, que vén de formular un ERE de extinción para 148 persoas, o que suporía a destrución de 1 de cada 10 postos de traballo na plataforma viguesa. 

A patronal pretende perpetuar os salarios de miseria

A representación da CIG nos centros de chamadas denuncia que tras máis de dous anos de negociacións e cun IPC desbocado, a patronal insiste na súa irrisoria proposta de incremento salarial, pretendendo que a parte social lle acepte unha suba global até o ano 2023 dun 5,8%, "cando a nosa factura da compra xa subiu dende 2020 máis do 15%. É dicir o que ofrece a patronal non chega sequera para garantir o mantemento do noso minguado poder adquisitivo".

Neste senso, lembran que o sector (no que operan grandes grupos como Bosch, Abai Group, Atento, Konecta, Unísono ou Teleperformance que lle prestan servizos ás multinacionais das telecomunicacións, ás entidades financeiras ou ás propias administracións públicas) está caracterizado polos baixos salarios, a tal punto que nalgunhas categorías mesmo tiveron que ser actualizados polas empresas ao quedar por debaixo da última suba do SMI.

Pero a patronal non só pretende perpetuar as baixas retribucións, senón que tamén quere meter man nas condicións actualmente recollidas no convenio (que é de ámbito estatal), afondando na desregulación da xornada ao eliminar o tope máximo semanal de 39 horas e poder distribuír ao seu antollo a xornada máxima anual, establecida nas 1.764 horas.

Xunto a isto, pretende que as libranzas de fin de semana (que agora son dúas ao mes) pasen a ser 24 ao ano "para repartilas como lles dea a gana, co que podería haber meses que os traballadores e as traballadoras non librasen nunca en fin de semana". A este respecto, as delegadas e delegados da CIG advirten que a patronal "quere desregular o tempo de traballo coa súa flexibilidade, que se traduciría en máis baixas, máis estrés e menos conciliación. A súa proposta non é aceptábel, é un ataque ós nosos dereitos".

Recorte dos beneficios sociais

Mais a avaricia patronal non queda aí, pois tamén quere recortar os beneficios sociais: redución do complemento de IT e eliminalo nos primeiros 3 días, limitacións no pago do complemento de vacacións; eliminación das horas médicas, e limitación do uso da excedencia especial.

Fronte a esta proposta de miseria que ofrece a patronal, a CIG reclama un convenio que, dunha vez por todas, dignifique as condicións de traballo e os salarios e que recoñeza a profesionalidade do persoal, rachando con esa idea de que este é un sector de segunda e aínda en construción.

Por iso, anima a todas as traballadoras e traballadores a seguir na loita e dar unha resposta contundente fronte "a este roubo a cara descuberta que nos condena ao empobrecemento e á escravitude". “Non queremos que se volva asinar un convenio que recorte dereitos e manteña a precariedade, pero só a través da mobilización conseguiremos un convenio digno e con dereitos".