Traballadoras/es das escolas infantís privadas mobilízanse nos centros coa vista posta na folga deste xoves

Nacional - 28 Xun 2023

As traballadoras e traballadores das escolas infantís privadas e de xestión indirecta, na etapa 0-3, continuaron este martes co calendario de mobilizacións en demanda dun convenio colectivo digno, con salarios xustos e melloras nas condicións laborais. Na xornada de onte, o persoal protestou  de maneira simultánea nos centros de traballo, portando faixas, cartaces e camisolas reivindicativas.

Unhas accións que serviron para quentar motores de cara á folga convocada para este xoves 29 de xuño e na que tamén está prevista unha manifestación nacional en Compostela, con saída ás 11:30 da Alameda e remate na Confederación de Empresarios de Galiza (CEG), na rúa do Vilar.

A folga afecta a todas as escolas infantís privadas e as de xestión indirecta (na súa maioría de titularidade municipal) da etapa 0-3 anos. En Galiza hai máis de 200 escolas e máis de 2000 traballadoras e traballadores regulados por este convenio colectivo, de ámbito estatal.

As negociacións do convenio iniciáronse hai máis dun ano, pero neste tempo foi imposíbel avanzar nun acordo a causa do inmobilismo das patronais, que se negan a asumir uns incrementos que permitan recuperar o poder adquisitivo e garantir uns soldos dignos e xustos para o persoal, acordes coa responsabilidade do seu labor educativo e social coas crianzas.

Neste senso, hai que subliñar que actualmente as táboas laborais do convenio xa se atopan por debaixo do Salario Mínimo Interprofesional (SMI).

A este respecto denuncian que as patronais causaron un grave prexuízo ás traballadoras do sector da xestión indirecta ao impedir o asinamento dunhas táboas salariais vinculadas aos pregos de condicións dos últimos concursos públicos. Esta negativa priva as traballadoras dunha remuneración xusta e acorde coas súas responsabilidades laborais.