Traballadoras/es de DxC secundan un paro laboral para esixir carga de traballo e garantías de recolocación

A empresa perdeu un contrato e pretende que o persoal afectado asine a baixa voluntaria

A Coruña -

Traballadoras e traballadores de DxC Technology secundaron este luns un paro laboral de dúas horas e unha concentración diante das oficinas da empresa para denunciar a progresiva perda de postos de traballo e a precarización das condicións laborais, a causa da mala xestión da dirección. Ademais, a compañía (que presta servizos de atención telefónica) está presionando o seu persoal para que asine baixas voluntarias logo de perder un contrato con Servihabitat (a inmobiliaria de laCaixa).

Dende o comité (CIG e CCOO) denuncian que nos últimos cinco anos se está a producir un desmantelamento progresivo do centro de traballo que DxC ten no Polígono da Agrela, que no seu momento chegou a contar con máis de 300 traballadoras e traballadores. Porén, "a causa da mala xestión da dirección perdéronse día a día os servizos que se prestaban dende A Coruña" e fóronse deteriorando as condicións laborais, até o punto de que nestes momentos DxC ten externalizado boa parte dos seus servizos e xa conta con máis empregadas/os de empresas auxiliares que con persoal propio.

Neste contexto, DxC vén de perder un dos servizos que prestaba para Servihabitat e no que estaban destinadas 33 persoas do cadro de persoal propio e 64 mediante subcontratacións. Dende o comité esixíuselle á empresa a recolocación do 100% dos traballadores e traballadoras afectadas, mais "en todas as reunións a empresa deunos unha evasiva por resposta sen concretar en ningún momento as súas intencións".

Segundo o recollido no convenio colectivo de centros de chamadas, cando se produce a perda dun servizo, a nova empresa adxudicataria (neste caso Teleperformance, con oficinas tamén na Coruña) debe incorporar o persoal que viña prestando o servizo ao novo proceso de selección. Pero a nova adxudicataria só garante contrato por tres meses ao persoal seleccionado e ao tempo, DxC Technology pretende que as traballadoras e traballadoras saíntes pidan a baixa voluntaria para así aforar as indemnizacións en caso de ter que levar a cabo despedimentos.

Diante desta falta de garantías, o comité acordou convocar este luns un paro laboral entre as 11:00 e as 13:00 horas e unha concentración diante das oficinas da rúa Copérnico, para esixirlle á empresa o compromiso por escrito de recolocación de todo o persoal e solicitar que se traia carga de traballo para o centro da Coruña.

Volver