• Nova

Traballadoras/es do Hospital Ribera Juan Cardona reclamar máis persoal e melloras salariais

As concentracións repetiranse todos os mércores de xuño
Ferrol - 08 Xun 2022

O comité de empresa do Hospital Juan Cardona acordou convocar concentracións todos os mércores de xuño na entrada do centro hospitalario para demandar un incremento do cadro de persoal que permita afrontar a carga de traballo, o remate das discriminacións salariais e unhas condicións laborais e retributivas dignas. Este mércores 8 de xuño, de 11:00 a 11:30 horas, desenvolveuse a segunda mobilización na entrada principal do hospital e o comité fai un chamado a todas as traballadoras e traballadores para que secunden estas mobilizacións.

A representación social explica que os traballadores e traballadoras están realizando xornadas laborais superiores ás marcadas no convenio de referencia e "de xeito pouco voluntario", xa que o desmesurado incremento da actividade que o grupo Ribera (empresa que xestiona o hospital) quere asumir non é sostíbel co actual cadro de persoal.

Pero ademais, ante a negativa das traballadoras e dos traballadores a estender a súa xornada, a empresa non reforza efectivos senón que "optou por ameazar con tomar represalias contra o persoal". Unhas ameazas intolerábeis que a dirección está a exercer tamén para tentar que as traballadoras e os traballadores non secunden as concentracións.

Discriminacións salariais

Esta actitude súmase á negativa do grupo sanitario a estender a todo o cadro de persoal o aumento salarial que aplica a aquelas categorías nas que ten problemas de contratación. Este tipo de prácticas estanse convertendo en habituais na sanidade privada, xa que as cativas condicións do convenio colectivo provocan a fuxida das e dos profesionais en busca de mellores condicións.

Para tentar reter o persoal, a patronal está a aplicar uns complementos fóra do actual convenio que, lonxe de resolver o problema da falta de profesionais, agravan as discriminacións salariais entre os distintos colectivos e perpetúan a precariedade no sector. Fonte a isto, o comité reclama que estas subas sexan extensivas a todas as categorías, mantendo a proporción que o convenio marca,  de tal xeito que estes incrementos sexan dereitos adquiridos e consolidados para todas as traballadoras e traballadores.