Traballadoras/es do Quirónsalud mobilízanse en demanda de melloras salariais e laborais

Alertan da falta de profesionais en varias categorías pola condicións precarias que ofrece a empresa

A Coruña -

Traballadoras e traballadores do Hospital Quirónsalud A Coruña (Santa Teresa) iniciaron este martes un calendario de mobilizacións para esixir melloras retributivas e que se reforcen os cadros de persoal, así como para rexeitar a discriminación salarial que está a aplicar a empresa en determinadas categorías, nun intento de evitar a "fuga" de profesionais.

O Hospital Quirónsalud, que pertence ao maior grupo sanitario privado do Estado, sofre dende hai tempo un déficit estrutural de persoal en todas as categorías, derivado das cativas condicións laborais e salariais que ofrece as traballadoras e traballadores. Esta falta de persoal afecta especialmente ao colectivo de enfermaría.

Nun intento desesperado de reter as profesionais, a empresa propuxo abonar un plus fóra de convenio a determinadas categorías nas que estaba quedando sen traballadoras e traballadoras. Unha solución que, para a sección sindical da CIG "non puido ser máis desafortunada", xa que non soluciona os problemas reais do Hospital, pero crea discriminación salarial e incrementa o malestar do persoal.

"Padecemos un deterioro progresivo das nosas condicións tanto na xornada como a nivel retributivo, e temos que afrontar unha sobrecarga de traballo asfixiante, pero a Xerencia, en lugar de abordar en serio o problema e propoñer solucións beneficiosas para o conxunto do persoal, sácase da manda este plus que crea unha fenda salarial e agravios comparativos entre traballadoras/es", subliñan dende a sección sindical da CIG.

A patronal bloquea as melloras no convenio

Neste senso, critican que a patronal esperara á sinatura do convenio colectivo para formular este tipo de propostas retributivas discriminatorias, cando, "ante a sobrecarga de traballo e a fuxida xeral de profesionais da sanidade privada a causa das cativas condicións, debería ter aproveitado a negociación do novo convenio para avanzar nas melloras laborais e retributivas". Ao contrario, critican, o único que fixo a patronal nas mesas foi bloquear a negociación, negándose incluso a asumir o pago do traballo nos domingos.

A representación da CIG lémbralle á empresa que o seu é un sector onde se trata coa saúde das persoas e que a precariedade laboral "acábase traducindo necesariamente en precariedade asistencial, e isto é algo moi grave". Por iso, instan a dirección a que valore as e os profesionais como o gran activo que son do Hospital e a negociar unhas condicións de traballo dignas "que nos permitan ofrecer a mellor asistencia posíbel".

Se non se producen avances neste sentido, comité ten convocada unha nova mobilización para o vindeiro martes, 10 de marzo.  

Volver