As traballadoras das escolas infantís mobilízanse na Coruña e Vigo na sexta xornada de folga
As traballadoras das escolas infantís privadas e de xestión indirecta, etapa 0-3, volveron este martes á folga para reclamar un convenio colectivo digno. Esta é a sexta xornada de folga que secundan e fano un día despois da última reunión da comisión negociadora, na que a patronal non levou ningunha proposta concreta emprazando as organizacións sindicais a outra xuntanza para o 15 de xaneiro, despois de levar xa dous anos de negociacións.
Con motivo da folga, as traballadoras manifestáronse nas cidades da Coruña e Vigo ao berro de "nin garderías nin xardíns, somos escolas infantís", “con este traballo non chego a fin de mes”, “se somos esenciais cobremos como tal”, “convenio digno, salario xusto” ou “se sobe o IPC, os salarios tamén”.
As traballadoras denunciaron o inmobilismo das patronais na negociación do convenio, iniciada xa a comezos de 2022. Porén, reunión tras reunión evidenciouse a nula vontade do empresariado por mellorar as condicións laborais e salariais do sector, pretendendo ademais recortar dereitos como as coberturas nas baixas ou modificar a cláusula de descolgue salarial.
Este sector ten un dos convenios máis precarizados, con varias categorías laborais que xa quedaron por debaixo do SMI, e que non responde ao importante labor social e á gran responsabilidade que teñen as traballadoras. “Queremos deixar de ser traballadoras pobres”, subliñaron ao remate das mobilizacións, advertindo que as protestas continuarán mentres non se garantan unhas condicións xustas no sector.
A vindeira reunión da mesa de negociación, explicou o responsábel de privada da CIG-Ensino, Henrique García, está fixada para o 15 de xaneiro "e a patronal quere que haxa unha proposta sindical que se achegue a súa. Nese caso faría unha 'concesión' en materia de xornada (diferenciar lectiva e non lectiva), pero manténdose nos recortes en IT e na cláusula de descolgue, así como nas dúas táboas salariais".
Apuntou que algunhas das organizacións asinantes do convenio estatal xa fixeron un movemento neste sentido "e a patronal dixo que respondería na reunión do día 15 cunha proposta global querendo chegar a acordo. De feito xa se fixou a seguinte mesa para o 1 de febreiro".
A CIG-Ensino, organización maioritaria en Galiza, xa avanzou que non aceptará unha proposta que implique perder dereitos ou que non supoña cando menos recuperar o poder adquisitivo perdido nos últimos anos por un colectivo precarizado, polo feito de estar feminizado en gran medida.
"Hai que dignificar o convenio e modificar todas as táboas, mellorar as licencias e permisos, incluír novos dereitos sociais como as excedencias etc.", aseverou García. Reiterou a demanda da CIG de contar cun convenio galego para poder negociar directamente e non depender do ámbito estatal no que a patronal está a xogar claramente coas traballadoras retrasando o máximo posíbel unha saída á negociación para aforrárense cartos.
Finalmente, as traballadoras tamén quixeron denunciar os abusivos servizos mínimos impostos polas administracións para as xornadas de folga, "xogando tamén a ser patronal".