Traballadores/as da atención telefónica de ADOS esixen a subrogación cunha protesta na Xunta en Vigo

A nova empresa escollida polo Sergas para xestionar o servizo non lles garante o emprego

Vigo -

O persoal asignado ao servizo de atención telefónica da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) da Xunta de Galiza mobilizouse hoxe diante do edificio administrativo de Vigo para reclamar a subrogación dos seus contratos por parte da nova adxudicataria, Instituto Sondaxe, para deste xeito poder manter os seus postos de traballo.

Segundo sinalan dende a CIG-Banca, moitos destes/as traballadores/as viñan desenvolvendo o seu labor dende o 2018 a través dun Centro Especial de Emprego, pero o ano pasado a Xunta sacou a concurso o servizo, sendo adxudicado a unha nova empresa no mes de decembro.

Até o de agora a encargada do servizo era a mercantil Centro de Atención de Llamadas SA, mais dende este luns a súa xestión quedou en mans de Instituto Sondaxe. Esta compañía aínda non lle comunicou ao persoal a súa intención de subrogar os contratos, tal e como está obrigada pola Lei de Contratos do Sector Público, “polo que un total de 25 persoas con capacidades diversas e cunha integración plena no mundo laboral atópanse inxustamente na rúa ante a pasividade da Xunta, última responsábel da vixilancia das condicións laborais nas que desenvolve un servizo público como o de ADOS”.

En consecuencia, optaron por convocar unha primeira mobilización diante da Xunta en defensa dos seus empregos e para esixir a súa inmediata subrogación por parte da nova concesionaria deste servizo público. “Esixímoslle a Sondaxe que cumpra a lexislación e manteña os postos de traballo destas persoas executando a subrogación dos seus contratos; e ao Sergas reclamámoslle que actúe para evitar estes despedimentos inxustos nun servizo de titularidade pública”.

Durante a concentración, que se prolongou por espazo dunha hora, despregaron unha faixa na que se podía ler “Non aos despidos en ADOS. Subrogación xa! Sondaxe culpable, Sergas responsable” e berraron consignas como “Xunta, escoita, estamos en loita”, “Queremos traballar e non mendigar” ou “Sondaxe culpable, Sergas responsable”.

Ao remate da protesta, dende a CIG-Banca explicaron que xa solicitaron xuntanzas tanto cos responsábeis de Sondaxe como co xerente do Sergas para trasladarlles as demandas do cadro de persoal. De igual xeito, reclamaranlle á Consellaría de Emprego que medie no conflito, ademais de presentar as oportunas demandas xudiciais, así como unha iniciativa parlamentaria. Finalmente, anuncian que as mobilizacións continuarán até lograr a subrogación de todo o persoal.

Volver