Traballadores/as da central das Pontes esixen garantías de emprego e que se definan as alternativas industriais

Concentráronse diante das instalacións para pedir unha transición xusta

As Pontes -

Traballadores e traballadoras de Endesa nas Pontes continuaron este mércores coas mobilizacións para esixir unha transición enerxética xusta, garantías de emprego para o persoal das auxiliares, que non haxa traslados do persoal da principal e proxectos alternativos que doten de futuro industrial á comarca.

A idea inicial era facer coincidir a protesta coa reunión prevista co conselleiro de Industria, mais por cambios de axenda, o encontro finalmente terá lugar ás 18 horas. O obxectivo destas mobilizacións, explica Alberte Amado, da CIG-Industria, é conseguir que se non poidan acometer despedimentos nas auxiliares cara a principios de ano e que non se efectivicen os traslados do persoal da principal (na maioría dos casos fóra de Galiza) "porque iso non é unha transición xusta".

Neste senso, aclara que "o que hai que encetar son garantías de emprego na localidade e proxectos que garantan a continuidade tanto dos postos de traballo como da economía local. Todo o demais suporía entrar nun escenario que pode ser xusto para Endesa e responder aos seus intereses -xa que non vai perder mercado nese proceso de transición-, pero para os compañeiros e compañeiras que sexan despedidos ou trasladados será totalmente inxusto".

Definir e concretar as alternativas a curto prazo

Por iso, Amado apunta que as administración teñen que esixirlle a Endesa compromisos e garantías nesta liña, xa que despois de décadas espoliando o territorio e obtendo millonarios beneficios "non pode agora decidir pechar sen asumir ningunha responsabilidade nin social nin laboral".

De igual xeito, o representante sindical pediu que, dunha vez, se definan as propostas industriais que a curto prazo se poderían desenvolver na localidade, xa sexa coa produción de enerxía con biocombustíbeis ou a través doutros proxectos que xeren emprego e riqueza na comarca. Todas estas cuestións serán postas enriba da mesa esta tarde na reunión con Industria, á que tamén lle pedirán datos sobre os resultados das probas cos biocombustíbeis "xa que non temos información".

Volver