Traballadores/as da central das Pontes esixen concretar os proxectos industriais e garantías de emprego

Este xoves mobilizáronse en demadan tamén da convocatoria da Mesa de Transición
As Pontes - 14 Xan 2021

Os traballadores e as traballadoras da central térmica das Pontes continúan coas mobilizacións para esixir garantías de emprego e unha alternativa industrial que Endesa e os Gobernos seguen sen ofrecer mentres avanza o desmantelamento das instalacións e cando xa hai amezas de despedimentos nas auxiliares. Este xoves, o persoal cortou o acceso á planta eléctrica e posteriormente saíu en marcha até a autovía AG-64, onde paralización o tráfico durante unha hora.

A mobilización enmárcase nas accións acordadas na asemblea celebrada a principios desta semana, na que o persoal tamén aprobou suprimir a realización de horas extraordinarias, tanto nas auxiliares como na principal, e manter de xeito permanente un grupo de traballadores e traballadoras dentro das instalacións unha vez rematada a xornada laboral. Hai que lembrar que a central ten nestes momentos un grupo operativo polo incremento da demanda eléctrica a causa onda de frío.

"O que esiximos son garantías de emprego para as auxiliares, que se paralicen os traslados na principal e que se clarifiquen os proxectos de continuidade industrial para a comarca", sinala Alberte Amado, da Executiva da CIG-Industria, engadindo que xa hai catro compañeiros de auxiliares aos que a súa contrata desprazou a Francia e Barcelona pola falta de actividade.

Por iso, esixe que, alén de determinar a viabilidade da produción de enerxía na central con biocombustíbeis, a Xunta ten que definir cales deses proxectos tractores impulsados polo Goberno galego para optar aos fondos europeos son para As Pontes, "tendo en conta que é o municipio máis afectado polo proceso de transición enerxética, tanto polo volume de emprego que depende da actividade da térmica como pola economía que xera en toda a comarca".

Amado salienta que ademais dos proxectos que Endesa ten obriga de presentar dentro do Plan Industrial que acompaña o proceso de descarbonización, tanto dende o Ministerio para a Transición Ecolóxica como dende a Xunta de Galiza téñense que impulsar alternativas que permitan o mantemento dos postos de traballo e doten de actividade industrial a comarca.

O Ministerio segue sen convocar a Mesa

Neste senso, o representante sindical urxe o MITECO a convocar de inmediato a Mesa de Transición das Pontes, que estaba prevista para setembro pero foi adiada sen nova data. "Parece que as administracións están xogando a que se efectivicen os despedimentos para despois falar de futuro. Non é comprensíbel esta demora cando xa non están enriba da mesa as garantías de emprego de Endesa e cando a previsión é que o proceso de peche da central remate en xuño próximo".

Alberte Amado reitera que para avanzar nunha transición que sexa realmente xusta, o Goberno español, a Xunta e as empresas titulares das centrais deben garantir un cambio de modelo de xeración eléctrica que ofreza unha solución laboral e industrial que manteña os postos de traballo nos concellos onde están instaladas as centrais.

Nova relacionada: A CIG propón que as eléctricas que pechan térmicas sen dar garantías de emprego non poidan manter a capacidade de evacuación á rede