Traballadores e traballadoras da fábrica de Alcoa e veciñanza da Mariña esixen ás portas da Xunta a intervención pública

A protesta realizouse con motivo da folga na fábrica que rexistra un seguimento do 100%
Compostela - 01 Xul 2020

Con temática electoral e berros continuados pedindo a intervención pública transcorría a concentración que esta mañá realizaron os traballadores e as traballadoras da fábrica de Alcoa San Cibrao ás portas do complexo administrativo da Xunta en Compostela, fortemente custodiado pola policía. A protesta desenvolveuse coincidindo coa xornada de folga convocada na fábrica de alúmina-aluminio (que rexistra un seguimento do 100% tanto na principal como nas auxiliares) e nela participaron tamén ducias de veciños e veciñas da Mariña.

A representación do persoal quixo agradecer especialmente o arroupe dado polo comercio local, persoal autónomo e pequenas empresas da comarca que se sumaron voluntariamente á xornada de folga botando o peche e acudindo a Santiago para  reclamar do Goberno galego que se posicione na defensa do emprego e a continuidade da actividade produtiva na factoría de San Cibrao.

Durante a concentración, que comezou antes das doce do mediodía e se prolongou até as 13:30 horas, foron constantes as consignas contra os despedimentos que pretende aplicar Alcoa, pedindo a intervención pública da fábrica e unha tarifa eléctrica industrial estábel, predicíbel e competitiva que dea estabilidade non só á produción de aluminio, senón ao conxunto da industria electrointensiva.

De feito, traballadores e traballadoras doutras industrias con grandes consumos enerxéticos como XEAL, Celsa Atlantic ou Alu Ibérica tamén se achegaron até Compostela para apoiar as reivindicacións dos seus compañeiros e compañeiras de Alcoa.

En xogo o futuro da comarca

"O que nos estamos xogando é o futuro da comarca", aseverou Xosé Paleo, delegado da CIG en Alcoa, quen subliñou que a decisión de levar ás mobilizacións á capital galega "é para lembrarlle á Xunta que ten competencias en industria e que pode facer unha cousa fundamental, xunto co Goberno español, que é intervir as fábricas para garantir a continuidade e dar tempo para estudar e avanzar na proposta que puxo o Ministerio enriba da mesa".

A este respecto, subliñou a necesidade de actuar con urxencia para garantir o mantemento dos postos de traballo e da produción de aluminio, tendo en conta que Alcoa xa presentou o expediente de extinción de emprego. "A Xunta e o Goberno central teñen que intervir a factoría e darnos tempo para pór en marcha as medidas precisas", insistiu.

Nesta liña, criticou o papel do PP na Xunta limitándose a responsabilizar ao Goberno español, "cando o PP estivo moitos anos gobernando o estado e foron as súas políticas as que nos trouxeron á actual situación". Pero tamén reprochou a actuación do Executivo de Pedro Sánchez "que leva máis de un ano prometéndonos solucións e un estatuto electrointensivo que non dá saído. Ambos gobernos teñen  responsabilidade, pero tamén a posibilidade de salvar á fábrica, así que lle pedimos que se poñan a traballar".

Neste mesmo sentido se pronunciaba Kike Rocha, delegado da CIG en Cotelsa e voceiro da plataforma coordinadora de auxiliares, instando "a Xunta e o Ministerio a deixar xa de xogar e a escoitar as reivindicacións que lle estamos a facer tanto os traballadores/as como o conxunto da veciñanza da Mariña lucense. A Xunta e o Ministerio teñen que pór en marcha de inmediato medidas contundentes".

Disposición  a loitar até o final para lograr que a factoría siga funcionando

Rocha salientou a disposición da Mariña "a loitar até o final para lograr que a nosa factoría siga funcionando, sexa con Alcoa ou sexa con quen sexa" e apelou aos Gobernos "a velar polos intereses dos traballadores e das traballadoras da industria auxiliar xa que Alcoa quere seguir negando a existencia da nosa problemática. Pelexaremos para que se nos vexa e para seguir nesta loita".

Non cómpre perder de vista que non só están en cuestión os 534 empregos que Alcoa contempla no ERE de extinción, senón que hai outros 400 postos de traballo das auxiliares que serían destruídos, de consumarse os plans da multinacional.

Sobre a reunión do período de consultas prevista para este xoves, Xosé Paleo reiterou que "acudimos co obxectivo de frear esta desfeita, porque está claro que a empresa non vai ás reunións para buscar solucións, senón a traer escusas. Non imos permitir que paren as cubas", aseverou.

"Eu voto, peche non!"

Aproveitando que estamos en campaña electoral, os traballadores e as traballadoras quixeron realizar a súa particular votación colocando unha urna xigante ás portas dos edificios da Xunta onde depositaron unha papeleta cunha mensaxe contundente: "eu voto, peche non!"