Traballadores/as de Tecman-Rayma e Indasa aceptan a arbitraxe do CGRL para fixar os servizos mínimos

Agardan que o laudo arbitral remate coas pretensións da empresa

Ferrol -

Os traballadores/as da UTE Tecman-Electrorayma e de Indasa acordaron esta mañá, nunha asemblea celebrada ás portas de Navantia, aceptar a proposta para participar nun procedemento de arbitraxe para a fixación dos servizos mínimos de seguridade e mantemento que se deben prestar polos traballadores e traballadoras da empresa. O comité da UTE e o comité de folga non consideran preceptivos eses mínimos, agardan que o laudo free as pretensións da empresa, demandan que non se “malgasten enerxías” en cuestionar o lexítimo dereito á folga e que se centren en garantir os postos de traballo e os dereitos adquiridos, nomeadamente o de subrogación.

No escrito para o inicio do procedemento faise constar o compromiso contractual da UTE con Navantia para a fixación de servizos mínimos, así como unha comunicación previa da propia xerencia da UTE ao comité de folga solicitando o establecemento deses servizos mínimos en base ao que parece ser un requirimento da propia Navantia.

No mesmo escrito figura a resposta dada polo presidente do comité da UTE e do comité de folga, Roberto López, na que se sinala que non consideran preceptivo o establecemento deses servizos mínimos. Xunto a isto, advírtese que “calquera pretensión empresarial de restrinxir o noso dereitos á folga supón a vulneración dun dereito fundamental amparado na Constitución, que pode dar lugar a unha condena con indemnización por danos e prexuízos”. Posición que López, en representación do conxunto dos traballadores e traballadoras asegura que “mantemos e manteremos con toda firmeza”.

Por iso, explica López “accedemos a participar no procedemento” na procura dun laudo arbitral imparcial e obxectivo e dotado de autoridade xurídica que agardan que “remate coa discusión, para nós totalmente artificiosa, poñendo negro sobre branco a impertinencia da pretensión de fixar unhas servizos de seguridade/mantemento, para unha folga convocada por un colectivo de 70 persoas nun entorno de máis de 2.000”.

Nese sentido sinala que existen outras empresas e cadros de persoal que se dedican especificamente a seguridade, á extinción de lumes, á prevención, ao transporte de feridos, á atención médica… “que non van estar afectados pola convocatoria de folga”.

Agora agardan que ese laudo arbitral “axude” a que todas as partes implicadas no conflito “tomen conta da seriedade e da importancia do mesmo e a que “dediquemos tempo e recursos a solucionar o cerne do asunto”, que segundo incide o presidente do comité é “garantir os postos de traballo e a plena eficacia dos nosos dereitos adquiridos”, nomeadamente o de subrogación.

Roberto López demanda ademais que non se “malgasten enerxías” en cuestionar o lexítimo dereito á folga, sexan os folguistas persoal propio da empresa principal ou da industria auxiliar “porque xa sería de nota, que tamén en cuestión de dereitos constitucionais, o persoal da industria auxiliar fósemos cidadáns en precario”.

Visita ás empresas

As e os traballadores despedidos tanto da UTE, como de INDASA, xunto con compañeiros e representantes sindicais foron onte a concentrarse diante das empresas para reclamar a súa readmisión.

Volver