Traballadores/as da Xunta mobilízanse en solidariedade cos compañeiros/as de Xustiza en folga

Roberto Varela, responsábel do sector de Autonómica da CIG-Administración: “A súa loita é a nosa”
Nacional - 12 Abr 2018

Traballadores  e traballadoras da administración autonómica concentráronse esta mañá diante do edificio administrativo da Xunta de Galiza en San Caetano, para manifestar a súa solidariedade cos compañeiros e compañeiras da administración de Xustiza, en folga desde hai máis de dous meses. No decurso da mobilización, convocada polas organizacións sindicais con representación na Xunta de Galiza CIG, CCOO, UGT e CSIF, demandaron do goberno galego que sente a negociar para darlle unha inmediata solución ao conflito.

Neste sentido o responsábel da CIG-Administración Autonómica, Roberto Varela, asegurou que “a súa loita é a nosa” e condenou a actitude que está mantendo a Xunta de Galiza “coa campaña de desprestixio que puxo en marcha diante da sociedade para descualificar as súas reivindicacións, que son totalmente xustas e lexítimas, porque non se está pedindo nada desorbitado”.

De feito Varela lembrou que “os seus recortes son os nosos recortes, as súas penalizacións por enfermar son tamén as nosas, o recorte do fondo de acción social tamén. Son todas cuestións transversais que afectan a todas as empregadas e empregados públicos por igual”.

Por iso considerou que a folga que mantén o persoal de Xustiza “é un exemplo, porque despois de dous meses de folga continúan loitando e abren o camiño de como se deben defender os dereitos tanto económicos, como laborais e sociais recortados pola Xunta de Galiza”.

O responsábel da CIG-Autonómica afirmou que “a nosa dignidade non é recortable, é defendible” e diante dos berros, bucinas e asubíos cos que se manifestaban os compañeiros e compañeiras en folga afirmou que “hoxe temos aquí unha mostra máis da súa forza”, o que valorou como un “mérito enorme” por ser quen de manter “este nivel de combatividade” despois de dous meses, “co desgaste que iso supón engadido á campaña mediática coa que a administración trata de criminalizar o que non son máis que lexítimas reclamación de traballadores e traballadoras”.

A ese respecto denunciou os recortes que acumula o persoal da administración pública en Galiza desde o 2010,  que o goberno galego se nega a reverter mentres “eles se suben o 7% os salarios”. Unha postura que cualificou como “cínica e hipócrita” e que ten como obxectivo “enfrontar á sociedade coas empregadas e empregados públicos”.