Traballadores/as de Abante BPO mobilízanse para rexeitar os despedimentos e a precariedade

O persoal realizou dúas concentracións diante da empresa
Lugo - 15 Mar 2017

Traballadoras e traballadores de Abante BPO concentráronse este mércores en rexeitamento aos seis despedimentos que a empresa vén de aplicar na plataforma que ten en Lugo. Unha medida que consideran ten un carácter exemplarizante para o resto de compañeiras e compañeiros e que supón afondar na precariedade laboral que padece o persoal.

O Comité convocou ao persoal a realizar dúas concentracións (unha na quenda de mañá e outra na da tarde) diante das instalacións da empresa vestindo roupa escura en sinal de loito polas condicións de precariedade nas que teñen que desenvolver o seu traballo e en rexeitamento ao despedimentos.

Porén, ademais desta parte máis visíbel, explica Manuel Somoza, Presidente do Comité (CIG), tamén se fixo un chamado as e os teleoperadores para que durante un minutos (ás 11:00 horas e ás 16:30 horas) permaneceran de pé no seu posto de traballo.   

Somoza subliñou que estes despedimentos non son unha novidade, pois cada pouco tempo a empresa recorre a esta práctica como unha medida máis de presión. "Casualmente os despedimentos son sempre polos mesmos motivos: baixo rendemento voluntario. É obvio que son despedimentos improcedentes, pero a empresa obriga a traballadora ou traballador a ter que denunciar para poder recibir a indemnización que lexitimamente lle corresponde".

O Presidente do Comité apunta tamén que en Abante BOP estase padecendo unha elevada precariedade, no só polas cativas condicións do sector dos centros de chamadas, senón por problemas de seguridade e saúde laboral, como temperaturas insoportábeis, deficiente iluminación ou postos del traballo en mal estado.  

Cuestións que foron denunciadas en reiteradas ocasións pola Sección Sindical da CIG, mais ás que empresa non se molestou en pór solución. A isto hai que engadir as presións constantes que sofre o persoal para ter que cumprir uns obxectivos imposíbeis. "E agora, logo de varias denuncias na Inspección, atopámonos con estes seis novos despedimentos", censura.

Para facer visíbel a súa situación laboral, o Comité acordou convocar esta xornada de mobilización "que non é a primeira nin será a última".