Traballadores/as de ambulancias mobilízanse en Lugo contra a precarización laboral e do servizo

Concentráronse na sede provincial do Sergas e diante dunha das empresas do sector

Lugo -

Delegados e delegadas de ambulancias desenvolveron este mércores dúas mobilizacións (a primeira diante da sede do SERGAS na cidade de Lugo e a segunda ás portas dunha das empresas concesionarias) para denunciar a situación de complicidade que a Administración está a manter neste sector "cunha patronal incumpridora, sumindo na precariedade o servizo de transporte sanitario urxente" na provincia.

Dende a aplicación dos novos contratos para o transporte sanitario urxente, explica o secretario comarcal da FGAMT-CIG de Lugo-A Mariña, Christian López, as empresas non están a xestionar o servizo "coa calidade e garantías suficientes que require un contrato que foi revisado á alza", logo das ofertas temerarias que se deron no anterior concurso. Esta alza, lembra, vai destinada tanto a garantir as condicións económicas do persoal como as necesidades propias dun transporte sanitario profesional e moderno.

Limpeza e desinfección deficientes

Así, sinala, as empresas concesionarias non están a asumir a limpeza e desinfección da uniformidade ou as axudas de custo do persoal, incluso dándose situacións de traballadoras e traballadoras pendentes de recibir as liquidacións derivadas das subrogacións "coas mesmas empresas que xa eran concesionarias anteriormente".

"Pero pola contra, e como vimos denunciando publicamente dende hai meses, estanse sucedendo despedimentos totalmente inxustificados cuxa resolución xudicial supón un desembolso cuantioso", critica López. "O sector xa está farto de que os cartos que se deberan dedicar ás melloras se dediquen a facer despedimentos polos caprichos empresariais".

A Administración, coñecedora da situación

Por iso, con esta protesta tamén se quere denunciar que a Xunta e a Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galiza-061 "son culpábeis de non estar atentas e vixilantes destes efectos perniciosos nos servizos públicos". O secretario comarcal da FGAMT-CIG lembra que a Administración galega é perfecta coñecedora de que constantemente se vulneran todas as garantías dun transporte sanitario profesional e público de calidade.

A tal punto, engade, que os apoios e reforzos que se están a contratar coa Cruz Vermella chegan a realizarse sen persoal que teña a titulación profesional de Técnico/a Sanitario, "algo que debería crear unha profunda alarma social e que se está a realizar con normalidade en moitas vilas".

Ademais, os apoios que contratan as  empresas, segundo comprometeu a propia Administración,  fanse con ambulancias do servizo programado e que contan cunha dotación de persoal exclusivamente formada polo/a condutor/a, "o que dá unha idea da garantía e calidade que pode darse con este tipo de servizos. Esta precariedade mata a persoal e usuarios/as das ambulancias", alerta.

Volver