Traballadores/as de Comfica reclaman o cumprimento do convenio e melloras laborais

A Coruña - 13 Mai 2023

Traballadores e traballadoras de Comfica Bergondo realizaron dúas concentracións este sábado para denunciar a situación de precariedade laboral que padecen. Este persoal presta servizos para Movistar e Orange e por este motivo as concentracións desenvolvéronse diante das tendas que estas compañías teñen na Praza de Pontevedra da Coruña.

Con estas protestas, que se repetirán o sábado 20 de maio, o persoal do centro de traballo de Comfica en Bergondo quere denunciar que a empresa incumpre o convenio colectivo no relacionado co abono das dietas e gardas "que paga cando e como quere". "Hai a quen lle deben os gastos dende o mes de decembro", apunta o presidente do comité, José Mosquera.

"Comfica sempre se atrasa no abono e ás veces chegamos a xuntar 500€ ou máis de débedas en dietas. Iso sen esquecer que houbo momentos nos que tiñamos que pagar o combustíbel das furgonetas do noso peto e logo a empresa reembolsaba cando lle parecía. Para Comfica somos como un banco, financiamos a empresa adiantándolle os cartos dos gastos", critica Mosquera.

Xunto a esta problemática, o persoal reclama unha mellora das categorías profesionais, ao igual que se está facendo con persoal doutros centros de traballo. "Aquí hai compañeiros/as que levan 20 anos traballando e seguen sendo oficiais de terceira, sen importar as funcións ou tarefas que desempeñan". Tamén reivindican o cese dos traslados de persoal a outros  proxectos distintos (ou incluso a outros centros de traballo) dos que viñan realizando dende hai anos e que rematen as presións para aumentar os ritmos de traballo.

Apio aos compañeiros de Ourense despedidos

Así mesmo, na concentración aproveitouse para demandar a readmisión dos catro compañeiros de Ourense, un deles delegado sindical da CIG, que Comfica despediu por reclamar o abono do plus de incentivos que figura no convenio colectivo provincial do Siderometal.

Comfica é unha das principais auxiliares das operadoras de telecomunicacións e só no centro de traballo Bergondo conta con máis de 100 empregados/as que prestan servizos para Movistar e Orange. O persoal desta empresa é a que se encarga das tarefas de mantemento e instalación da rede destas grandes multinacionais.