Os traballadores de ElectroRayma atrasan a entrada ao estaleiro para esixir solucións á empresa e a Navantia

Reclaman ás compañías chegar a acordo para evitar a destrución de 200 empregos

Ferrol -

Os traballadores/as de ElectroRayma continuaron este venres coas mobilizacións para esixirlle á empresa e a Navantia que resolvan os seus problemas financeiros e se garanta a continuidade dos máis de 200 empregos e o pago dos salarios. Como medida de presión, os traballadores acordaron atrasar a entrada no estaleiro de Ferrol durante dúas horas e xa anunciaron que proseguirán coas mobilizacións mentres non se aclare o seu futuro laboral e se abonen os salarios.

O persoal de ElectroRayma (dedicada á fabricación, montaxe e mantemento de equipos eléctricos e que fai o servizo de mantemento de Navantia) ten pendente de cobrar a paga extra de xullo e a nómina de setembro. Pero o embargo decretado por Facenda mantén bloqueadas as contas da empresa, polo que temen que o impago dos salarios vaia a máis.

Cómpre subliñar que ElectroRayma e Navantia teñen un conflito aberto xa que a auxiliar lle reclama catro millóns de euros por traballos realizados a maiores do contrato durante a construcións dos AOR australianos. Unha cantidade da que Navantia só recoñece unha parte. As discrepancias entre ambas compañías complícanse polas débedas de ElectroRayma con Facenda que ordenou o embargo das contas da empresa e o bloqueo dun millón de euros.

O comité (con maioría da CIG) esixe unha rápida solución a un conflito que alleo ao persoal pero que compromete a viabilidade da empresa e a continuidade de máis de 200 postos de traballo nunha comarca que non se pode permitir destruír máis empregos.

As demandas do persoal tamén recibiron o apoio das Corporacións municipais de Narón e de Ferrol. Ademais este conflito abordarase hoxe no pleno da Mancomunidade.

Volver