Traballadores/as de Endesa e das auxiliares mobilízanse polas Pontes para esixir unha transición realmente xusta

Reclaman garantías de emprego, que non haxa desprazamentos e alternativas de futuro

As Pontes -

Os traballadores e as traballadoras de Endesa e das auxiliares da central térmica continuaron este venres o calendario de mobilizacións para esixir unha transición enerxética xusta, garantías de emprego e proxectos industriais de futuro para a comarca. Nesta ocasión, o persoal saíu en marcha dende as instalacións até a casa do concello, percorrendo as principais rúas das Pontes en demanda de medidas para poder vivir e traballar dignamente na nosa terra.

Con esta acción queren demandar unha transición xusta "e iso significa pór enriba da mesa alternativas que eviten os despedimentos nas auxiliares e os traslados do persoal da principal a centos de quilómetros", apunta Alberte Amado, da Executiva da CIG-Industria. O representante sindical subliña que "estamos nun momento moi difícil, no proceso final no que xa se anuncian despedimentos" mais seguen sen concretarse proxectos que doten de futuro á comarca, nin se coñecen aínda os informes definitivos das probas con biocombustíbeis.

Amado critica que, a pesar da urxencia do momento, "os Gobernos continúan desaparecidos" mentres Endesa fai o que lle peta sen que se lle esixa ningún tipo de responsabilidade social nin laboral.

Reunión coa Consellaría de Industria

O próximo día 23 está prevista reunión coa Consellaría de Industria na que dende as organizacións sindicais "demandaremos que ten que haber mantemento do emprego, que non pode haber desprazamentos e que ten que haber proxectos para crear postos de traballo e permitir a recuperación económica das Pontes, porque doutro xeito non estaremos ante unha transición senón ante unha dura reconversión".

Volver