• Nova

Traballadores/as de EROM-Lugo mobilizáronse por unhas condicións dignas e o cumprimento dos acordos

Concentráronse na nave que a empresa ten no Polígono de Vilalba
- 14 Feb 2020

Traballadores e traballadoras de EROM SLU Lugo (división de Acciona que realiza o mantemento dos parques eólicos) concentráronse este xoves diante da nave que a empresa ten en Vilalba para esixir o cumprimento dos acordos acadados, que se respecten os dereitos laborais e salariais e que se traslade á representación social toda a documentación solicitada.

Aínda que o comité se reuniu en varias ocasións coa dirección para tentar aclarar condicións laborais, requisitos e contaprestacións, atendendo á peculiaridade das tarefas que prestan e á dispersións dos lugares de traballo, a empresa segue sen cumprir nada do pactado nesas negociacións.

Entre outras cuestións, EROM comprometeuse a definir cada centro de traballo e que persoas están adscritas a cada un, "co obxectivo de controlar o tempo de traballo e os descansos pertinentes derivados dos desprazamentos entre parques". Para o persoal (en toda a provincia EROM conta con 112 traballadores/as) este é unha cuestión moi importante, tendo en conta que os poden chamar estando no Vicedo para facer un traballo no parque da Fonsagrada e ese desprazamento non conta como tempo de traballo efectivo, non se compensa, nin se desconta da bolsa de horas.

Bolsa de horas de distribución irregular

En relación con isto último, cómpre subliñar que a empresa elabora os calendarios laborais en sete horas/día, polo que ten organizada unha bolsa de horas na que acumula o tempo restante até a xornada completa. Esas horas distribúeas ao seu antollo para facer tarefas non cotiás, pero negándose ademais a recoñecelas como xornada irregular. Diante disto, o comité demanda unha regulación clara na distribución da xornada laboral e que se consulte coa representación social a elaboración dos calendarios. Outro punto que até o momento a empresa non está a cumprir.

Xunto a isto, o persoal reclama un desglose dos conceptos das condicións económicas variábeis para coñecer que porcentaxe da retribución non fixa (que a empresa calcula en función do cumprimento de múltiples criterios) cobra cada mes e os motivos, no seu caso, de por que se lle aplican descontos.

A dirección tamén se comprometera a trasladar material, a documentación e os medios necesarios para facilitar o labor do comité, mais a día de hoxe EROM só remitiu unha información escasa e moi sesgada. Ante este "ninguneo e esta tomadura de pelo", os traballadores e traballadoras acordaron convocar esta primeira concentración en Vilalba e non descartan novas protestas se a empresa non dá un paso adiante.